jueves, 24 de noviembre de 2022

VOLVE A CIENCIA AO COLE!

 Este ano, unha vez máis, celebramos a semana da ciencia facendo maxia con letras. O equipo da biblioteca preparou experimentos relacionados coa escrita: Mensaxe segreda con tinta invisible, Letras de cristal, Letras bailarinas...
O alumnado aprendeu un montón de cousas novas e interesantes e nalgún caso que a ciencia non é exacta e os resultados non sempre son os que agardamos.
Deixámosvos algunhas fotos dos experimentos.



martes, 25 de octubre de 2022

Celebrando o Día das Bibliotecas

 O 24 de outubro celébrase o Día das Bibliotecas e dende o cole non quixemos perder a oportunidade de celebralo.

Durante os últimos días en cada aula traballamos os contos clásicos dun xeito pouco tradicional. Todos coñecemos o título, argumento e final de contos como Os tres porquiños, O traxe do emperador, Cincenta..., mais...E se non fose así? Puxémos o maxín a funcionar e decidimos cambiar todos os contos. Polo momento estamos rematando os nosos traballos, pero pronto teredes novas.



Ademais puxemos a andar "Sorbos de lectura no exterior". O alumnado voluntario da biblioteca xa ten preparados os carritos cheos de aventuras, ilusión e moitas, moitas letras.





martes, 18 de octubre de 2022

A IMPORTANCIA DA LECTURA






Todas e todos sabemos da importancia da lectura, mais ás veces non atopamos o momento axeitado. Agora, no cole, xa o temos. Todos os días o alumnado disfrutará de 20 minutos de lectura ao mesmo tempo e para iso contamos coa inestimable axuda de Xalín.

Os pasados 3 e 4 de Outubro reunímonos todo o centro no galpón para recibir novas moi interesantes. Ademais de regalarnos uns carteis moi chulos para as nosas portas que indican que estamos lendo, recibimos unhas caixas moi especiais. Estas veñen cheíñas de libros adaptados aos nosos gustos e intereses. Xa non hai excusas, estamos preparados para disfrutar da Hora de Ler!
 

lunes, 17 de octubre de 2022

BENVIDAS E BENVIDOS UN ANO MÁIS!

 Disque nunca é tarde para comezar unha vez máis e, aínda que ata o momento non subimos nada ao blogue, Xalín xa leva algunha que outra actividade rematada.

Comezamos un ano máis cun novo lema "Escribir a biblioteca escolar", polo que día a día darémoslle superpoderes ás palabras. Durante o curso colleremos papel e lapis e deixaremos a nosa imaxinación voar. Queredes acompañarnos? 

 


sábado, 25 de junio de 2022

 RECOÑECEMENTO AO COMPROMISO DO VOLUNTARIADO


Chegou xuño e con el chegou o momento de facer balance do curso,  de agradecer a colaboración  e o compromiso do alumnado voluntario de 5º e 6 º coa Biblioteca Escolar e con todas as súas actividades. 

Botando unha ollada atrás, Xalín e o seu equipo tivo un montón de ideas e iniciativas, pero non sería posible levalas a cabo sen a axuda do alumnado que se volcou en cooperar en todo o que estaba nas súas mans: prepararon murais para todo o centro;  encargáronse dos carriños de lectura nos tempos de lecer, tanto para Primaria como para Infantil, achegando a lectura a todos os compañeiros/as; brindáronse a compartir cos máis pequenos lecturas e xogos;  e como bos bibliotecarios implicáronse na xestión da biblioteca, tanto na colocación  dos libros nas súas correspondentes seccións e estanterías como no rexistro dos empréstitos e das devolucións. 

Un fabuloso traballo coordinado e frutífero que ten a súa recompensa,. tanto por parte nosa do centro como por parte das Bibliotecas Escolares de Galicia. Agardamos que a experiencia tivese tamén unha gran aportación para o voso crecemento persoal .
E así, de orgullosos/as e emocionados/as recollían os seus máis que merecidos agasallos; uns agasallos que premian o esforzo, o compromiso e a implicación. 

GRAZAS RAPACES E RAPAZAS!



E, con esta fermosa imaxe despedímonos por este ano! FELIZ VERÁN A TOD@S! 

martes, 14 de junio de 2022

 XIV XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA

Este pasado venres 10 de xuño estivemos presentes, a través dunha integrante do Equipo da Biblioteca, nos encontros organizados en Santiago de Compostela arredor dos Clubs de Lectura. Nesta xornada puidemos recoller moitas ideas e iniciativas postas en marcha con éxito noutros centros de Galicia que seguro nos serven para enriquecer a andaina comezada este ano coa participación de 4 clubs de Lectura no noso colexio.

Ademais coñecemos as autoras máis lidas nos Clubs de Lectura dos centros educativos de Galicia. 

Sen dúbida, un día para memorar!





 OBRADOIRO DE ILUSTRACIÓN CON PABLO OTERO

O alumnado de 3º e 5º de Ed. Primaria compartíu un obradoiro de ilustración con Pablo Otero; autor do cartel das bibliotecas escolares deste curso. A actividade desenvolveuse dentro do programa Lectura e familias, e non puido ser máis proveitoso. Empregando a imaxinación, e facendo acopio da súa creatividade, os nenos e nenas elaboraron uns "libros" do mais orixinais, baixo a atenta mirada de Pablo.




sábado, 28 de mayo de 2022

VISITAS CON ENCANTO: SOLEDAD FELLOZA E CHARO PITA

Dentro do programa Lectura e Familias, esta semana sentímonos uns privilexiados/as porque tivemos a oportunidade de coñecer e gozar de dúas excepcionais contacontos: Soledad Felloza e Charo Pita. 

Soledad, co alumnado de 6º Educación Primaria, e Charo Pita, co alumnado de Ed.  Infantil, promoveron o amor polos relatos e pola lectura regalándonos momentos para gozar. Pequenos e maiores participaron activamente nas actividades de expresión oral e corporal e, non nos cabe dúbida, de que con iniciativas así  o único que poden é aumentar o interese pola lectura e pola maxia que a envolve. 

Moitísimas grazas. Esperamos volvervos a ver moi pronto!




  

OS NOSOS MAIORES TEÑEN A PALABRA

Dentro do programa Lectura e Familias Xalín propuxo aos nenos/as que fixesen unha recompilación dos refráns, ditos, adiviñas.... dos seus maiaores (avós, avoas, bisavós...)Nesas palabras hai tesouros esquecidos, palabras que caeron en desuso e que poden e deben recuperarse xa que teñen un valor incalculable. 

Actividades como estas convídannos  a reflexionar sobre todo  o que os nosos maiores nos poden aportar;  unhas vidas cargadas de sabedoría e experiencia das que temos moito que aprender. 

Comparte tempo con eles e escóitaos coa máxima atención,porque hoxe máis que nunca...eles teñen a palabra!






Graciñas familias pola vosa colaboración!



viernes, 13 de mayo de 2022

   17 DE MAIO  DÍA DAS LETRAS GALEGAS


No seguinte KAHOOT tedes 15 preguntas sobre a vida e obra de Florencio Manuel Delgado Gurriarán.


KAHOOT

jueves, 12 de mayo de 2022

 

                    UNHA VISITA MOI ESPERADA: PAULA CARBALLEIRA.

Cando en xaneiro os nenos e as nenas de 4º  comezaban a andaina no Club de Lectura, a través da obra "Pan con chocolate", non se imaxinaban que ademais de: ler, imaxinar, crear, xogar, escribir e merendar pan con chocolate😋, ían poder coñecer  en persoa e "entrevistar" a súa fabulosa autora!!!

Pero sí,  por fin, chegou o día, o 9 de maio! Paula Carballeira, brillante escritora, actriz e contacontos, cun dominio espectacular da arte de narrar historias, transportounos   a todos  ao mundo da imaxinación, da creación e da creatividade nun ambiente distentido de ledicia e sorriso permanente.

A obra, "Pan con chocolate" é  unha orixinal homenaxe ao irrepetible Gianni Rodari, pedágogo e escritor italiano namorado  da fantasía  e creador do xogo de imaxinación "binomio fantástico" .  E, despois do descubrimento deste libro de mil e unha historias, concluímos que " Paula Carballeira" e "maxia" son, tamén, un binomio fantástico.

Grazas por todo, grazas por tanto.  

Esperamos verte moi pronto de novo! As portas do CEIP PLURILINGÜE POETA AVELINO DÍAZ estarán sempre abertas.

Deixamos aquí un vídeo con algúns momentos da visita.




lunes, 25 de abril de 2022

 23 DE ABRIL - DÍA DO LIBRO 

A lectura é unha ventá aberta ao mundo  e  para viaxar lonxe, non hai mellor nave que un libro

( Emily Dickinson)

O 23 de abril é unha data moi especial no ámbito literario porque este mesmo día en 1616 falecían Miguel de Cervantes e William Shakespeare, dous dos escritores máis coñecidos da historia. Así, a Conferencia Xeral da  UNESCO  estableceu, dende 1995, este día como data simbólica para rendir homenaxe á literatura e alentar á poboación a gozar da lectura.

Para conmemoralo todo o alumnado do centro implicouse na creación dun conto colaborativo  que tivo como protagonista a Avelino Díaz, o noso poeta.  No libro " As viaxes de Avelino"  podemos  "cruzar o charco" da súa man e embarcarnos con el nas súas mil e unha aventuras.  

Nos vos podedes perder o seguinte vídeo

e tamén vos deixamos unhas fotos do libro: 













Grazas a todos/as participantes! 

Finalmente, queremos trasladar o noso agradecemento á Librería Pedregal polo magnífico agasallo no día do Libro.  Foi unha sorpresa moi emotiva tanto para nenos/as como para mestres/as. Moitísimas grazas!




jueves, 7 de abril de 2022

 LECTURA E FAMILIAS

Dentro do programa "Lectura e familias", hoxe 7 de abril, levouse a cabo unha fabulosa actividade para o alumnado de 1º e 2º e as súas respectivas familias. Todos eles estaban convidados a coñecer á escritora, guionista, presentadora....Yolanda Castaño!

O encontro tivo lugar no salón de actos da Casa da Cultura de Meira e, durante o mesmo, os nenos e as nenas puideron interaccionar coa autora de libros coma " Coller as rendas".

Foi unha xornada sen dúbida moi, moi especial!







sábado, 26 de marzo de 2022

 ENCONTROS PLAMBE

Aproveitamos este medio para contarvos que estivemos presentes o día 25/3/2022, a través dunha integrante do Equipo da Biblioteca, nos encontros organizados en Santiago de Compostela dentro do PLAMBE! Alí atopamos na exposición o noso cartel. 

Un cartel que abre ao mundo a vida do noso centro. 





Sen vós esto non sería posible. Grazas por tanto. 


                                                 21 DE MARZO- DÍA DA POESÍA 

                                                        "POESÍA EN FAMILIA"

Este ano para celebrar o día DÍA da POESÍA, pensamos que crear poemas en familia  sería un fermoso momento para compartir e xogar coas palabras, cos versos, coas rimas, coas estrofas...

Un tempo para deixar voar a imaxinación e converterse en grandes poetas e poetisas. E, así, foi como xurdiu  a actividade "Poesía en familia" dentro do Programa Lectura e Familias. 

           A  nosa iniciativa tivo unha gran acollida e pronto comezaron a chegar moitos e diversos            poemas,           poemas moi creativos e cargados de sentimento. Por tanto,  e como non podía ser doutro xeito,                    despois de valorar toda a implicación e adicación das familias participantes, organizamos un acto               para facer entrega conxunta dos merecidos agasallos.  Foi unha cerimonia preciosa e para nós un verdadeiro            pracer poder contar con vós.  Aquí vos deixamos unhas fotos, testemuña do valor deste momento. 







Ademais contamos con moitos nenos/as voluntarios/as que se animaron a recitarnos o seu poema acompañados polos seus familiares. Que gozada poder desfrutar da poesía todos xuntos!

 










E, se todo isto fose pouco, temos que contarvos que neste acto inauguramos tamén un moderno e chulísimo  graffiti de Rosalía de Castro a cargo de Rubén (da empresa Trece Trazos). O noso agrademento tamén, dende aquí, á área de Cultura da Deputación de Lugo. 

Non podíamos contar cun mellor escenario para festexar o día da Poesía!!


BIBLIO-ART

  BIBLIOART Co transcurso dos meses foron chegando os retos de BIBLIO-ART e os nenos/as estiveron dispostos a afrontalos con valentía, exper...