sábado, 26 de febrero de 2022

 23 DE FEBREIRO- DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Non podía rematar este 23 de febreiro sen unha gran homenaxe a Rosalía de Castro; unha figura indispensable da literatura escrita do S. XIX. Unha novelista e poetisa que merece ser lembrada cada día e, en especial, no día do seu nacemento, por todo o seu esforzo para potenciar e valorizar o galego ao status de lingua culta e por todas as súas liñas adicadas á loita pola independencia, pola liberdade e pola igualdade das mulleres. 

Tan grande foi o seu legado como o é o conxunto das súas obras. Por iso, este ano os nenos e nenas, por clases,  participaron na gravación do recitado de varios dos seus poemas. A día de hoxe podedes escoitalos por toda a vila de Meira, xa que están repartidos por diferentes lugares moi coñecidos  e aos que podedes ter acceso cun sinxelo lector de Códigos QR, de calquera dispositivo móbil. 

Convidámosvos a deixarvos namorar con esta combinación de paseo e poesía, de lecer e cultura. Asi mesmo,  non queremos despedirnos sen darvos algunhas pistas.... De feito, se vos fixades ben nas seguintes fotografías do día da entrega dos Códigos QR, por parte do alumnado de 5º, seguro que xa descubrides a onde debedes acudir para poesía de Rosalía oír. 








Feliz paseo pola vila no día de Rosalía!!



 UN SORBO DE LECTURA

Sempre dicimos que a lectura ábrenos as portas dun novo mundo na nosa mente; un mundo que creamos nós a través do que lemos. Otórganos así o poder de soñar, de ampliar o noso coñecemento e de medrar como persoas desenvolvendo as capacidades de empatía e de espírito crítico a partes iguais. 

Por iso, calquera momento e lugar son oportunidades perfectas para devorar un libro ou unha parte do mesmo. Perseguindo este obxectivo naceu a iniciativa UN SORBO DE LECTURA, na que os nenos/as, poden no tempo de lecer, ao aire libre, gozar dun ratiño de aventura grazas ao alumnado voluntario que será quen se encargará da xestión desta activididade tan enriquecedora.  

Animádevos a probar un sorbo! Esta alumna colaboradora convídavos encantada!




sábado, 12 de febrero de 2022

 CLUB DE LECTURA....

LEO, LEO...QUE LES???

Todos os lectores/as que pertencen aos diferentes grupos do  club de lectura  Leo, leo..que les? comezaron xa a súa  andaina nas profundidades das respectivas obras literarias e tiveron, nestas 2 últimas semanas, a oportunidade de compartir cos compañeiros/as as primeiras impresións e sensacións. 

Nestas reunións do club as actividades levadas a cabo xiraron sobre eixos diversos: dende a análise textual,  pasando pola reflexión arredor da intención do autor, a creación de textos alternativos e ata a expresión escrita e oral de sentimentos persoais espertados trala lectura. 

A viaxe continúa mentres a emoción medra á espera de novas experiencias compartidas. 






Ata pronto!!


sábado, 5 de febrero de 2022

                                                                CLUB DE LECTURA:

                                                               LEO, LEO....QUE LES??


 Esta semana o alumnado de 6º de Ed. Primaria tivo a súa cita inaugural do Club de Lectura: Leo, leo ...que les? 

Nela mergulláronse na emotiva e conmovedora obra de Eloy Moreno, Invisible. Unha historia que emprega a fantasía como motor narrativo e que inevitablemente convida dende as primeiras ata as súas últimas liñas á reflexión e á visibilización sobre un dos problemas máis importantes da sociedade actual.  Lectura que estamos seguros non vai deixar a ningún lector/a indiferente. 

 Un mundo mellor é posible!!! 

Parabéns ao alumnos  e alumnas de 6º pola formidable acollida da obra!!




 

martes, 1 de febrero de 2022

 DÍA DA PAZ

O 30 de xaneiro está dedicado a conmemorar nos centros educativos unha cultura de non violencia e de paz. 

O Día da Paz, pola súa temática xeral, pódese traballar desde distintos ámbitos. Nós, este ano, quixemos partir da lectura do libro " El poder de las palabras" Aprendiendo a ser feliz (Soledad Carmona e Paco Ortega)  para facer unha análise do poder que teñen as palabras, da maxia que teñen para cambiar o noso día a día. Estas palabras "poderosas" foron as que os alumnos e alumnas  plasmaron en cadansúa botella, coas que posteriormente elaboramos un mural. 




Por último, conxuntamente cantamos e bailamos a canción " Baile da Paz"de Mamá Cabra, para poñer o broche final á xornada. 

Apostemos tod@s por unha linguaxe positiva que constrúa, que sume e que nos faga máis felices....todos os días do ano. 



23 ABRIL - DÍA DO LIBRO

  23 DE ABRIL, DÍA DO LIBRO,  CITA EN FAMILIA CO CÓMIC. Cada 23 de abril conmemorase o Día Mundial do Libro para promover o desfrute dos lib...