viernes, 19 de diciembre de 2025

COMPARTIR, O AGASALLO PERFECTO


Rematamos o trimestre compartindo; compartindo postais con moi bos desexos para o ano 2026, poemas de recoñecemento e agradecemento aos maiores, cancións, agasallos e, o máis importante, tempo, valores e moito cariño. 

O mércores tivemos a sorte e o privilexio de que nos acompañasen na Biblioteca do cole algunhas das persoas usuarias da Residencia de Maiores traéndonos un amplo abano de riquezas:  sabedoría, cultura, vivenzas, experiencias e un inestimable afecto en forma de enormes sorrisos e fortes apertas. 
 Ademais deixáronnos un agasallo precioso feito por elas mesmas, unha coroa de Nadal totalmente artesanal. E, por se fora pouco,  unha felicitación e un pack de mochila, libreta e cores grazas á Deputación de Lugo para cada un dos nenos/as.

 



 Os nenos/as pola súa parte foron uns anfitrións e anfitrioas excepcionais entregándolles unhas postais personalizadas que previamente fixeran con moito agarimo nas aulas e unha boliña de Nadal (presente elaborado no colexio coa cortadora láser de Polos Creativos grazas ao marabilloso traballo dunha das nosas compañeiras). 

  

No encontro parte do alumnado voluntario de 5º e 6º recitou poemas escritos do seu puño e letra:  

Persoas con historia

As vosas mans gastadas, gardan historia,

nos vosos ollos brilla a luz da experiencia,

no corazón, a forza da paciencia.

 

 A vosa voz é canto de sabedoría

o voso corazón é amor e cariño,

que nos guía o camiño

aquí preto do río Miño.

 

Persoas maiores, son tesouros da vida,

merecen respecto, agarimo e sempre compañía. 




No silencio da tarde, repousades tranquiliñas

gardando no peito unhas lembrazas bonitiñas.

Con cada paso que dades, deixades algo de sabedoría; 

con cada sorriso, unha alegría.

 

Sodes pontes que unen pasado e presente,

raíces que sosteñen á xente; 

sempre vos temos en mente

e sen vós todo sería totalmente diferente.

 

Sodes paz e tranquilidade,

merecedes respecto sexa cal sexa a idade; 

sen vós, que proporcionades felicidade,

non hai historia, nin vida,  nin humanidade. 

 Ademais, todo o alumnado compartiu as súas dotes artísticas cantando e tocando instrumentos: maracas, frautas, triángulos...e mesmo unha trompeta e un saxofón! 

 Un Encontro Interxeracional moi emotivo e enriquecedor para todas as partes. Cremos que as fotos falan por sí soas.


O xoves continuamos compartindo. Voluntarios e voluntarias de 5º e 6º  que participan no programa de Bibliotecas Solidarias visitaron a Escola Infantil de Meira, (O Vermiño)  para regalarlles aos meniños, meniñas e as súas profes,  unha postal de Nadal que crearan tamén con moita dedicación e ilusión. 

O recibimento non puido ser máis máxico, desprendéndose tenrura e felicidade nos nenos/as  das dúas etapas da infancia.  Os e as  maiores aportaron coidado e protección; os e as pequeniños/as ilusión, inocencia e ledicia.   
O tempo compartido desta volta non puido ser tanto como nos gustaría, chegou a moi pouco,  pero saímos co corazón cargadiño de emoción e un fabuloso obsequio. 




E, finalmente, entre o xoves e o venres  tivo  lugar outro intercambio de postais e desexos para o 2026. Por unha banda, o alumnado de 6º de Educación Primaria foi o encargado do  deseño  e entrega dunha postal ao IES Pedregal de Irimia. Por outra, hoxe recibimos da man do seu director a creada polo alumnado do instituto. Unha tarxeta postal moi creativa e orixinal. 






Grazas a tod@s, por facer isto posible, por facer comunidade. 
BO NADAL!!



viernes, 5 de diciembre de 2025

BIBLIOTECAS SOLIDARIAS- VOLUNTARIADO

 O  5 de decembro celébrase día do Voluntariado; unha data proclamada pola Organización de Nacións Unidas en 1985 para pór en valor e recoñecer o traballo altruísta das persoas voluntarias que adican o seu tempo e enerxía para mellorar a comunidade e vida dos demais. 

Este día tan significativo aproveitamos para reinvidicar e agradecer a labor que levan desenvolvendo os nosos 37 voluntarios e voluntarias de 5º e 6º de Ed. Primaria dende o 24 de novembro dentro do programa de Bibliotecas Solidarias no noso centro. 

Durante este curso 2025-2026 colaborarán en tarefas relacionadas coa Biblioteca Escolar e coa lectura compartida. 

Así axudarán na xestión de préstamos e colocación de fondos na biblioteca escolar e no apoio a todos os usuarios/as que precisen algo (buscar información, un libro, funcionamento dalgún recurso, interpretar normas dalgún xogo...) 

Tamén participarán na gravación de podcast na Radio Escolar para o goce de todos/as oíntes, así como en apadriñamentos lectores tanto con nenos/as máis pequenos do colexio como fóra do centro, preparando un contiño para os nenos/as da Escola Infantil, O Vermiño. E, finalmente, como non podía ser doutro xeito compartirán tempo coas persoas maiores da Residencia da nosa vila mentres desenvolven actividades culturais e de lecer. 




Os pequenos xestos sempre serán os que máis nos engrandecen. . 

Grazas polo voso traballo e esforzo, voluntarios e voluntarias. 


jueves, 4 de diciembre de 2025

UNHA HISTORIA DE SUPERACIÓN- MARISOL BRAVOS

 


Hoxe tivemos o inmenso privilexio de coñecer  en persoa a Marisol Bravos, unha muller alegre e vital cunha traxectoria realmente admirable;  tanto no seu afán de superación coma na súa loita incansable pola inclusión real de todas as persoas. 

Un referente de como a diversidade funcional xamais impedirá a ninguén acadar os seus soños e ilusións, pero de quen sí temos como sociedade moito que aprender. Estamos na obriga de pararnos a pensar e a reflexionar cantas pequenas cousas do día a día están nas nosas mans cambiar para facer un mundo mellor.  Un mundo accesible, coas mesmas oportunidades para todos/as. 

Cunha naturalidade e enerxía desbordante foinos narrando todas as súas vivencias dende a infancia ata a súa etapa adulta:  os obstáculos que se atopou, pero tamén os logros acadados que foron, e son, moitos. Presentounos ademais contos sobre diversidade como " Por cuatro esquinitas de nada", "Noa e o xenio Reviravoltas" e o seu libro autobiográfico "Unha historia de superación" dándonos unha lección de vida, de coraxe e valentía. 

Sen dúbida quedaríamos outras tantas horas escoitándote, Marisol. 






Moitísimas grazas por brindarte a ter este encontro tan enriquecedor!





O RADIOAUDIOVISUAL DO PATRIMONIO

 O vindeiro 6 de maio alumnado do noso centro educativo, vinculado coa Ribeira de Piquín, participará   nun proxecto " O Radioaudiovisu...