martes, 23 de abril de 2024

23 ABRIL - DÍA DO LIBRO

  23 DE ABRIL, DÍA DO LIBRO, 

CITA EN FAMILIA CO CÓMIC.

Cada 23 de abril conmemorase o Día Mundial do Libro para promover o desfrute dos libros e da lectura.

 A data non é froito da casualidade, senon que busca tamén render unha merecidísima homenaxe a escritores da literatura universal como os grandes: William Shakespeare, Miguel de Cervantes e Garcilaso de la Vega. 

O poder dos libros é inexplicable: serven de unión entre o pasado e o presente, entre avós/avoas e netos/as, entre civilizacións e culturas, permite enriquecernos, cambiar a mirada ou o pensamento sobre moitas cousas que cremos coñecer, danos a oportunidade de voar, viaxar, imaxinar e soñar.

  Unha oportunidade que non podemos nin debemos perdernos, ler. 


No noso cole, este día quixemos adicarllo en especial ao CÓMIC, aproveitando que este curso o lema das bibliotecas escolares é: "Unha biblioteca escolar en viñetas". 

De feito aquí vos deixamos fotos deste marabilloso día, as familias acudindo á exposición para celebrar o día do libro,  nenos/as desfrutando da lectura dos cómics no tempo de lecer e na hora da ler. Fabuloso! 













Lembrade que tedes a vosa disposición na casiña de Xalín (durante toda esta semana no periodo de lecer para os nenos/as e para as familias  de 15:00- 16:00) esta completa exposición cos fondos, tanto do centro como os aportados por todas as familias que así o desexaron. Agardámosvos!


lunes, 15 de abril de 2024

BIBLIO-ART

 

BIBLIOART

Co transcurso dos meses foron chegando os retos de BIBLIO-ART e os nenos/as estiveron dispostos a afrontalos con valentía, experimentando e investigando sobre o xenial mundo da arte. 

Así, en decembro, adentráronse  un pouquiño na historia do enigmático artista que emprega como seudónimo Bansky, quen a pesares de ser famosísimo pouco en realidade sabemos del. Así de creativas quedaron algunhas das representacións das súas obras. 

O mes de xaneiro adicámosllo a Pablo Picasso coincindo coa conmemoración, o día 30, do Día Escolar da Non Violencia e da Paz, por ser un dos pintores e escultores máis representativos do cubismo, movemento artístico desenvolto a comezos do S. XX. A pomba da paz símbolo piccasiano por excelencia forma parte así da iconografía  máis coñecida deste xenio malagueño. 

Os alumnos/as crearon orixinais versións das súas obras, dignas de exposición. 



En febreiro, a investigación e a creación plástica xirou arredor da artista galega, Maruja Mallo.  De entre todas as obras desta pintora surrealista pertencente a xeración dos 27 os nenos/as traballaron sobre a obra  Naturaleza viva con rosa. 

Velaquí tedes as súas obras artísticas: 





Finalmente, o mes de marzo, conmemorando o día da árbore, coñecemos a Gustav Klimt, un pintor simbolista austriaco  representante do movemento  modernista que manifestou sempre un estilo, moi, moi persoal e que podemos apreciar nunha das obras máis famosas, El árbol de la vida. 






viernes, 22 de marzo de 2024

SEGADORES DA ÓRREA EN TERRAS DE CASTELA

 SEGADORES DA ÓRREA

O alumnado de 5º e 6º xunto co seu equipo docente tivo o privilexio de asistir na biblioteca do noso centro escolar ao visionado do documental  "SEGADORES DA ÓRREA EN TERRAS DE CASTELA, unha historia de heroes", obra dirixida por Vanesa Gómez Lourido e Laura Alonso Carracedo. 

Na presentación da mesma puideron coñecer como 31, persoas nadas na Órrea- Riotorto, A Terra de Miranda contan de primeira man a experiencia da participación dos labregos galegos nas Segas de Castela, fenómeno histórico e sociolóxico que en Galicia durou 300 anos, dende o século XVII ata os anos sesenta  do pasado século XX cando xa a mecanización definitiva do agro castelá acabou con esta forma de migración temporeira. 

Noraboa polo documental a tod@s que o fixeron posible, merecidísima homenaxe a todas esas persoas que se enfrontaban a aquel duro traballo cunha calor abafante  mentres loitaban contra o peso de ter tamén que deixar a súa querida terra galega. 




 ÁRBORES, AUGA E POESÍA

O 21 de Marzo é o Día Mundial da Poesía. Esta conmemoración promovida pola Unesco en 1999 ten como obxectivo apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética.  

Non obstante, en todo o mundo o 21 de Marzo celébrase tamén o Día Internacional dos Bosques. Un evento proposto pola ONU nunha convención sobre o Cambio Climático que busca concienciar sobre a necesidade da conservación dos bosques e ecosistemas destacando cómo estes axudan a mitigar o cambio climático ao actuar como sumidoiros de dióxido de carbono.  De feito, o lema para este ano 2024 é " Bosques e innovación. Novas solucións para un mundo mellor". 

E o 22 de Marzo é o Día Mundial da Auga, unha iniciativa global respaldada pola ONU dende 1993 para destacar a importancia da auga doce para o noso planeta e chamar así a atención sobre a necesidade dunha xestión sostible da mesma. 

Para levar a cabo unha celebración conxunta  os nenos/as escribiron e recitaron poemas adicados a árbores autóctonas de Galicia. Trala lectura dos mesmos, plantouse unha xesta en honra ao poema de Avelino Díaz, As Xestas. 































martes, 19 de marzo de 2024

ENCONTRO- COLOQUIO "LITERATURA INFANTIL CON PERSPECTIVA DE XÉNERO"

                                                            

     ENCONTRO - DEBATE

" LITERATURA INFANTIL CON PERSPECTIVA DE XÉNERO"

O martes 19 de Marzo na biblioteca de noso centro escolar tivo lugar un enriquecedor encontro-debate "Literatura Infantil con perspectiva de xénero", a cargo da directora da Biblioteca Pública Provincial de Lugo,  Mª Isabel Pérez Fórneas. 

Previamente nas aulas, na hora de ler o profesorado achegou libros de préstamos da biblioteca municipal de Lugo para convidar ao alumnado a reflexión. Estes fondos  escollidos pola súa temática educativa, coma Con Tango son tres, Non a todas as nenas lles gusta o rosa, El príncipe Serafín....foron o punto de partida sobre o que se xirou o debate, facendo unha análise do potencial destes recursos. 

A xornada foi aberta a toda as familias, non obstante, a acollida non foi a agardada. 

Aquí deixamos unhas imaxes do encontro, agradecendo a Mª Isabel a súa implicación e colaboración co noso centro. 






viernes, 8 de marzo de 2024

SEMANA DA PRENSA


   SEMANA DA PRENSA 

DO 4 AO 8 DE MARZO


Estes días celebramos no centro a Semana da Prensa na Escola. O xornal como material didáctico ten infinidade de posibilidades: fomento da lectura,  do espírito crítico, da escritura, da creatividade....Un fabuloso exemplo deste potencial témolo aquí cos nenos e nenas de 1º A, converténdose así en: 

  -Rigorosos xornalistas, redactando as novas da semana. 

 - Grandes lectores, facendo unha análise dos textos das diferentes seccións. 

  -Intrépidos aventureiros: mergullándose nos pasatempos 


Noraboa rapaces e rapazas!



viernes, 1 de marzo de 2024

1º REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA DE 5º

  

                                         CLUB DE LECTURA DE 5º DE ED. PRIMARIA


Hoxe todos as persoas integrantes do club de lectura de 5º tiveron unha cita especial, a primeira reunión de lectores. A súa misión era elaborar a portada da axenda de lectura e programar as datas de reunións vindeiras. Case nada!!

Agora déixovos por aquí unhas fotiños da sesión de traballo. E, sen dicirvos nada, dígovolo todo... nelas podedes ver o título da obra que van ler! Ten moi boa pinta! 

A gozar da experiencia rapaces e rapazas! Benvidos a un novo reto!



viernes, 23 de febrero de 2024

ROSALÍA DE CASTRO- 23/2/2024

                                                                               

                 ROSALÍA DE CASTRO 


Tal día coma hoxe no ano 1837 nacía a escritora que iniciou o rexurdimento das nosas letras, Rosalía de Castro.  

Hoxe dende o noso centro educativo os nenos e nenas rendéronlle unha merecidísima homenaxe cuns "MENÚS POÉTICOS", saboreando así a riqueza da nosa lingua e alimentando a imaxinación, a creatividade e a curiosidade. 

Aquí vos deixamos un anaquiño dos seus fabulosos traballiños. 

Noraboa a tod@s e moitísimas grazas pola vosa implicación e compromiso! 






































viernes, 16 de febrero de 2024

LABORATORIO DE RADIO

                                                               RADIO ESCOLAR

O venres 16 de febreiro o alumnado de 4º, 5º e 6ºde Educación Primaria comezou a súa andaina nun novo espazo metodolóxico, a RADIO ESCOLAR. Nel puxeron en marcha un pequeno proxecto arredor do manexo básico da mesa e creación de podcast. 

Por unha parte, o alumnado de 4º aproveitou esta poderosa ferramenta para entrevistar a coordinadora da Biblioteca Escolar e mestra titora de 5º, Mariluz Iglesias, desenvolvendo así  as súas competencias comunicativas, habilidades sociais e competencias dixitais. 

E, por outra parte, o alumnado de 5º e 6º, por grupos,  traballaron as competencias lingüísticas e dixitais a través de gravacións de diversos relatos aos que incorporaron múltiples efectos de sons, xogando coas posibilidades da mesa. 

                                                                           Xenial locutores/as!












                          

23 ABRIL - DÍA DO LIBRO

  23 DE ABRIL, DÍA DO LIBRO,  CITA EN FAMILIA CO CÓMIC. Cada 23 de abril conmemorase o Día Mundial do Libro para promover o desfrute dos lib...