lunes, 30 de octubre de 2023

BIBLIO-ART

 

        GIUSEPPE ARCIMBOLDO

A apertura do recuncho BIBLIO-ART  dentro da biblioteca escolar trouxo consigo un espazo para a creatividade, a orixinalidade, a imaxinación e o xogo coas artes plásticas, pero tamén un recanto para a cultura. Entrelazando obxectivos ademais co plan de alimentación saudable no que está inmerso o centro escolar parecéunos moi interesante adentrarnos nas obras de Giuseppe Arcimboldo.

 Este singular pintor italiano, recoñecido polas súas creativas representacións do rostro humano a partir de flores, froitas, animais....,permitiu aos nenos/as facer as súas propias creacións de caras a partir de debuxos e imaxes de alimentos. Foi unha experiencia moi divertida á vez que cultural, non vos parece?








   A quen coñeceremos en novembro?.... Non vos quededes coa dúbida!!



sábado, 21 de octubre de 2023

UN DÍA CALQUERA

 

     O tempo de lecer sempre é un tempo moi agardado por todos os alumnos/as. Observalos neste intre permite contemplar a maxia da infancia;  unha etapa vital na que a inocencia, a vitalidade, a ilusión, a curiosidade e a alegría, podería dicirse que acadan a súa máxima expresión. 

    A biblioteca escolar do noso colexio leva xa moito tempo conseguindo ser un lugar de encontro, de tempo e actividades compartidas. Non obstante, ás veces estes momentos merecen ser fotografados para que o seu recordo quede inmortalizado, acadando o verdadeiro valor que teñen. 

 Así, deixámosvos unhas imaxes dun venres, un día calquera. Emocionantes, falando por sí soas, sen dicir palabra. Nenos e nenas compartindo tarefas, xogos, lecturas, pesquisas; momentos, emocións, sentimentos.... Enriquecedor, sen dúbida. 







martes, 3 de octubre de 2023

APERTURA BIBLIOTECA 2023/2024

 


    A apertura da biblioteca escolar tivo unha acollida por parte de todos os nenos/as excepcional. Viviron con gran intensidade e fervor o agardado día, gozando tanto da lectura como doutras actividades inauguradas para este curso, como o espazo de "BIBLIOART". 

    Xalín sorría entusiasmado vendo a súa casiña tan chea coma un formigueiro. Sen dúbida, non podes perderte a experiencia! Se aínda non fuches por alí,  a semana que vén achégate. Non deixes pasar un día máis!






lunes, 2 de octubre de 2023

HORA DE LER

 


Xalín xa vos pedía que estiverades moi atentos/as, que pronto ían comezar as novidades deste curso... e, por fin, chegou o agardado día!

 Baixo o lema das bibliotecas escolares 2023/2024, " Unha biblioteca escolar en viñetas", Xalín preparou unha xornada colectiva no galpón. Alí todos e todas puidemos gozar da audición de emocionantes, pero tamén, divertidísimos contos e poemas en diversos idiomas. Non me digades que o conto "Non abras este libro" non vos tiña ben intrigadiños/as!!!














 Así, para que cada un de vós axudedes á vosa mestre/a a preparar un lote de contos ou libros que máis vos gustan ou atraen,  a mascota da biblio agasallouvos cunha caixa por aula, para facer uso dela na hora de ler. Escollede ben, para pasar un rato moi, moi ledo. En que vos convertiredes a próxima semana?

 Que aventura vivirás?

 Se non te mergullas nun conto, non o saberás!

E non esquezades que a partir de hoxe podedes ir visitar a Xalín á biblioteca. Non hai cousa que máis lle guste que vervos por alí lendo entretidos!

Ata a seguinte....




23 ABRIL - DÍA DO LIBRO

  23 DE ABRIL, DÍA DO LIBRO,  CITA EN FAMILIA CO CÓMIC. Cada 23 de abril conmemorase o Día Mundial do Libro para promover o desfrute dos lib...