A ALIANZA ENTRE ESCOLA E FAMILIAS: O MOTOR DO HÁBITO LECTOR
Estes días saíron catorce mochilas viaxeiras rumbo a catorce fogares e a semana que vén visitarán outros tantos e así ata acompañar a todas as familias. Nelas inclúense libros de temáticas relacionadas co proxecto deste ano no centro, Galicia: gastronomía, tradicións, fauna e flora, lendas..., e tamén obras literarias escritas por autores e autoras galegas, así como fondos para a xestión emocional. Estes últimos responden á necesidade da sociedade na que vivimos de continuar ensinando ás persoas a canalizar o que sentimos dun xeito saudable.
Non obstante, e non menos importante, en todas elas viaxa un caderno que pretende facer unha recompilación de diversos aspectos de Galicia vividos e contados por todos vós, familias. Non perdades esta ocasión e plasmade como vivides e sentides Galicia.
Moitísimas grazas a todos pola colaboración e implicación nesta iniciativa.


No hay comentarios:
Publicar un comentario