24 DE OUTUBRO
DÍA DAS BIBLIOTECAS
O ano pasado por estas datas celebrabamos a reapertura da nosa biblioteca. Un espazo máis amplo, acolledor, cheo de vida e, sobre todo, de lectura e aprendizaxe. Desde entón, o equipo de Xalín tentou que cada recuncho se convertese en especial e ofrecese ao alumnado diversas posibilidades.
Así, este mes estrenamos a zona creativa- maker para primaria, unha mesa alta cuns taburetes en mandarina a xogo co resto do mobiliario onde o alumnado pode amosar as súas dotes creativas desenvolvendo as propostas de Voz Natura. Propostas que este ano nos acompañarán durante todo o curso e que pretenden combinar a expresión artística coa reciclaxe e o coidado do medio.
Do mesmo xeito, no recuncho de Infantil acondicionamos o chan para facelo máis cálido cunha alfombra de coloridos motivos. Igualmente traballamos na adquisición de novos fondos para continuar ampliando o catálogo e na xestión dos novos carnés de usuarios, tanto para alumnado como para profesorado.
Con todo isto, pretendemos facer da nosa biblioteca escolar un lugar de encontro para nunca deixar de aprender.
Agradecemos tamén que para conmemorar este día dende a Biblioteca Municipal de Meira nos convidasen a gozar de dúas actuacións de contacontos con Ana Carreira, Trasnadas para Ed. Primaria e Inma Soto, Sinfonía de contos, para Ed. Infantil .
Un pracer.





No hay comentarios:
Publicar un comentario