martes, 12 de diciembre de 2023

LECTURA EN VIÑETAS

 HORA DE CÓMIC!!!

O cómic, sendo unha forma de arte visual que conta unha historia empregando viñetas e bocadillos, adoita ensimesmar a quen ousa a mergullarse na súa lectura.  E un exemplo do seu éxito témolo na aventura que viviron os nenos/as de 5º de Ed. Primaria onte, que nos 20 minutos que durou a hora de ler non pestanexaron embobados con estas cómicas historietas. 

Se vós tamén queredes pasalo así de xenial, vide a buscar un cómic á biblioteca. Xalín está desexando vervos devorándoos!!



viernes, 8 de diciembre de 2023

MES DA CIENCIA

 


NOVEMBRO, 

MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

    O futuro é ciencia, é investigación e desenvolvemento. Dende fai uns anos novembro é o mes escollido para fomentar a experimentación científica a través da lingua galega. Dous exemplos xeniais disto foron os experimentos levados a cabo polo alumnado de 1ºA: A VIAXE DOS XERMES e polo alumnado de 5º: A VEXIGA NATATORIA DOS PEIXES. 

  Por un lado, en 1º investigaron como pasan os xermes que poidamos ter nas mans aos alimentos e destes ao interior do noso corpo a través da súa inxesta. Aprenderon así, entre outras moitas cousas,   a  vital  importancia do lavado de mans antes de manipular a comida no día a día. Finalmente, como bos científicos/as recolleron todas as súas hipóteses, procedementos e conclusión nun libriño. 


 

  Pola súa banda, en 5º, indagaron sobre que é  e cómo actúa a vexiga natatoria de moitos peixes óseos.  Tamén completaron todo o proceso, dende a formulación de hipósteses, o procedemento e as conclusións achadas, experimentando con globos para simular este órgano.  Non había mellor maneira de complementar o traballo sobre os animais de Ciencias da Natureza que convertíndose en científicos/as. 

Noraboa a todos/as polos vosos marabillosos experimentos!




  



martes, 28 de noviembre de 2023

LECTURA E FAMILIAS - OBRADOIRO PLANTAS AUTÓCTONAS

   OBRADOIRO PLANTAS AUTÓCTONAS

 Entroncado co programa Lectura e Familias da biblioteca escolar e co proxecto de Voz Natura que versa sobre a fauna e flora autóctona, onte tivo lugar un enriquecedor obradoiro sobre as plantas da nosa contorna. Durante a xornada, dirixida ao alumnado e familias de 5º e 6º de Educación Primaria, Alba e Óscar,  axentes do territorio  (XELDA) achegáronnos unha valiosísima información para o estudo e coñecemento das plantas autóctonas. Así, afondaron arredor das súas partes, da importancia  das mesmas para o planeta, dos  tipos e usos que lles damos, así coma chaves dicotómicas para facilitar a  súa clasificación. 


 





 

Proximamente toda esta aprendizaxe culminará cunha práctica real, noutra sesión deste obradoiro, na que se fará fincapé na identificación e clasificación das diferentes especies da flora que medran arredor do  centro educativo. Non hai mellor experiencia que vivenciar en primeira persoa o estudado.  

Moitísimas grazas a todas as partes pola implicación e colaboración. 

Estade moi atentos/as, a ver que plantas nos acompañan día a día...Pensades que as coñecedes todas?

 

viernes, 24 de noviembre de 2023

LECTURA E FAMILIAS- APICULTURA



UNHA XORNADA CON SABOR A MEL

 O pasado venres, 17 de novembro, tivo lugar no cole un encontro fabuloso entre familias, nenos/as e mestres, baixo o lema " As familias coa natureza".  Coa finalidade de adentrarnos no fascinante mundo das abellas tres familias de alumnos/as ( unha por cada ciclo de Ed. Primaria) que se adican a apicultura encargáronse de achegarnos de forma práctica as técnicas de cría das abellas, de recolección do mel, ao coidado que precisan as colmeas, o proceso para desopercular, e especialmente, a importancia destes insectos para a polinización e a conservación dos ecosistemas.  Unha actividade fundamental no eixo da educación ambiental desenvolvida co apoio do programa Voz Natura, que ten como temática central a protección da fauna e da flora autóctonas. 

Como colofón final os alumnos/as envasaron mel producido nos propios apiarios destas familias e puideron degustar o seu extraordinario sabor.
 
Moítisimas grazas por compartir con todos nós as vosas experiencias e aprendizaxes e sobre todo, por facer tanto pola natureza.  

Aquí vos deixamos algunhas fotos para memorar este tempo compartido. 








Por moitas máis vivencias así!
 




RETO NOVEMBRO: LEONORA CARRIGTON

 LEONORA CARRIGTON

Posiblemente se tivésemos que asociar o mes de novembro a unha emoción, medo, sería unha das máis pronunciadas por cada un de nós.  Espíritos, esqueletos, defuntos, meigas... son termos moi relacionados coas tradicións festexadas a comezos deste mes e vencelladas a súa vez con esa sensación aterradora.

 O medo é unha emoción fundamental do ser humano e ao longo da nosa historia, permitiunos sobrevivir coma especie. Saber expresar as emocións forma parte da tan necesaria educación emocional e este mes tiñamos un reto que nos podía axudar a canalizalo e facerlle fronte. 

O reto, proposto por Xalín e o seu equipo e que tiña cabida no espazo de BIBLIO-ART, consistía en investigar as obras de Leonora Carrigton, unha pintora e escritora surrealista  inglesa. Investigando os seus cadros os nenos/as tiveron a oportunidade de coñecer o título dos mesmos, a posible interpretación e simbolismo que tiña para a súa autora os diferentes elementos que pintaba, pero especialmente, puideron  expresar o que estes lles suxerían, os seus sentimentos e sensacións.  

Unha investigación inquietante,👀👀!






domingo, 5 de noviembre de 2023

UNHA NOVA ANDAINA DAS MOCHILAS VIAXEIRAS

 

MOCHILAS VIAXEIRAS

O pasado día 24 de outubro, no día das Bibliotecas, comezaron a súa andaina 2023/2024 as nosas mochilas/bolsas viaxeiras. Unha actividade pensada para compartir e gozar en familia, de feito, está programada dentro do marco de "Lectura e familias". 

Sen dúbida, unha oportunidade fantástica para vivir unha viaxe chea de aventuras. Lembrade que tedes a vosa disposición un caderniño para compartir con todos/as nós as vosas experiencias, sensacións, sentimentos...




lunes, 30 de octubre de 2023

BIBLIO-ART

 

        GIUSEPPE ARCIMBOLDO

A apertura do recuncho BIBLIO-ART  dentro da biblioteca escolar trouxo consigo un espazo para a creatividade, a orixinalidade, a imaxinación e o xogo coas artes plásticas, pero tamén un recanto para a cultura. Entrelazando obxectivos ademais co plan de alimentación saudable no que está inmerso o centro escolar parecéunos moi interesante adentrarnos nas obras de Giuseppe Arcimboldo.

 Este singular pintor italiano, recoñecido polas súas creativas representacións do rostro humano a partir de flores, froitas, animais....,permitiu aos nenos/as facer as súas propias creacións de caras a partir de debuxos e imaxes de alimentos. Foi unha experiencia moi divertida á vez que cultural, non vos parece?








   A quen coñeceremos en novembro?.... Non vos quededes coa dúbida!!



sábado, 21 de octubre de 2023

UN DÍA CALQUERA

 

     O tempo de lecer sempre é un tempo moi agardado por todos os alumnos/as. Observalos neste intre permite contemplar a maxia da infancia;  unha etapa vital na que a inocencia, a vitalidade, a ilusión, a curiosidade e a alegría, podería dicirse que acadan a súa máxima expresión. 

    A biblioteca escolar do noso colexio leva xa moito tempo conseguindo ser un lugar de encontro, de tempo e actividades compartidas. Non obstante, ás veces estes momentos merecen ser fotografados para que o seu recordo quede inmortalizado, acadando o verdadeiro valor que teñen. 

 Así, deixámosvos unhas imaxes dun venres, un día calquera. Emocionantes, falando por sí soas, sen dicir palabra. Nenos e nenas compartindo tarefas, xogos, lecturas, pesquisas; momentos, emocións, sentimentos.... Enriquecedor, sen dúbida. 







martes, 3 de octubre de 2023

APERTURA BIBLIOTECA 2023/2024

 


    A apertura da biblioteca escolar tivo unha acollida por parte de todos os nenos/as excepcional. Viviron con gran intensidade e fervor o agardado día, gozando tanto da lectura como doutras actividades inauguradas para este curso, como o espazo de "BIBLIOART". 

    Xalín sorría entusiasmado vendo a súa casiña tan chea coma un formigueiro. Sen dúbida, non podes perderte a experiencia! Se aínda non fuches por alí,  a semana que vén achégate. Non deixes pasar un día máis!






lunes, 2 de octubre de 2023

HORA DE LER

 


Xalín xa vos pedía que estiverades moi atentos/as, que pronto ían comezar as novidades deste curso... e, por fin, chegou o agardado día!

 Baixo o lema das bibliotecas escolares 2023/2024, " Unha biblioteca escolar en viñetas", Xalín preparou unha xornada colectiva no galpón. Alí todos e todas puidemos gozar da audición de emocionantes, pero tamén, divertidísimos contos e poemas en diversos idiomas. Non me digades que o conto "Non abras este libro" non vos tiña ben intrigadiños/as!!!














 Así, para que cada un de vós axudedes á vosa mestre/a a preparar un lote de contos ou libros que máis vos gustan ou atraen,  a mascota da biblio agasallouvos cunha caixa por aula, para facer uso dela na hora de ler. Escollede ben, para pasar un rato moi, moi ledo. En que vos convertiredes a próxima semana?

 Que aventura vivirás?

 Se non te mergullas nun conto, non o saberás!

E non esquezades que a partir de hoxe podedes ir visitar a Xalín á biblioteca. Non hai cousa que máis lle guste que vervos por alí lendo entretidos!

Ata a seguinte....




lunes, 11 de septiembre de 2023

BENVIDA


Un ano máis, Xalín estaba desexando vervos a todos e todas. Quere convidarvos a unha nova aventura... De que se tratará este curso? Que experiencias che gustaría vivir?

Pensa...pensa...

Lembra que cada libro que leas permitirache vivir unha aventura diferente...Podes convertirte nun superheroe ou superheroína, nun animal,  noutro neno/a, nun extraterrestre, e en centos de personaxes máis.. Quen sabe? Apéteceche experimentar? 

Pois moi, moi atento/a ao que vai pasar nuns días... Xalín vaivos enviar cartas á clase para tervos   actualizados/as...  Pon os ollos e os oídos a funcionar!!
Ata pronto. 

lunes, 15 de mayo de 2023

Letras galegas

 Bo día!


Para homenaxear o Día das Letras Galegas 2023, desde Afundación convídannos a coñecer e participar nas seguintes actividades dixitais. 
Un conto para que visualicen os máis pequen@s e un xogo para participar e comprobar os coñecementos sobre Francisco Fernández del Riego. EDUCACIÓN INFANTIL: Conto "O misterioso salouco de Don Paco"

Animámosvos a disfrutar destes xogos!

martes, 9 de mayo de 2023

Día do Libro

 Todo o alumnado do centro participou na elaboración dun libro dixital adicado ao bo uso da auga e da enerxía baixo o título de "Nós tamén queremos...salvar o planeta!".

Para poder velo, podes clicar neste enlace.

Nós tamén queremos...salvar o planeta! 

viernes, 28 de abril de 2023

Volve o Trocacontos



 O trocacontos volveu á escola! Durante esta semana, o equipo de biblioteca, axudado por todo o persoal do cole, animou ao alumnado a traer libros para participar nesta actividade. Nas casas temos un montón de libros que xa lemos unha ou mil veces e cambiándoos cos compañeiros dámoslles a oportunidade aos demais de disfrutar igual que nós o fixemos. Hoxe aproveitamos a hora de ler para que os nenos e nenas do cole escolleran un novo libro para levar á casa. E agora... a disfrutar deles! 








domingo, 16 de abril de 2023

Visitas lectoras

 Da man do clube de lectura e, aproveitando que o alumnado de 4º, 5º e 6º xa leron o seu libro "Plan de rescate", Antía Yáñez fixo unha visita ao cole o pasado venres. O alumnado fixo mil e unha preguntas, nótase que o libro lles encantou. Grazas Antía por unha sesión de aprendizaxe, lectura e ilusión.




II ENCONTRO INTERXERACIONAL

O pasado martes,  18 de Marzo tivemos a sorte e o pracer de poder levar a cabo o  II Encontro Interxeracional, dentro da actividade " C...