viernes, 20 de diciembre de 2024

RADIO NO PATIO- VENRES MUSICAIS

 


                  RADIO NO PATIO 

Hoxe arrancou unha nova andaina no mundo da radio na nosa escola, OS VENRES MUSICAIS.  Como non podía ser doutro xeito, estivo adicado a panxoliñas e nel participaron alumnos/as de 2º e 3º ciclo de Ed. Primaria, facendo bailar a todos/as no patio ao ritmo festeiro que nos trae o Nadal. Os locutores/as, sempre sorrintes, tiñan perfectamente preparada a súa escaleta. Todos/as uns/unhas profesionais! 

Que luxo poder contar con esta aventura no patio durante o tempo de lecer! Non había outra forma máis divertida de darlle a benvida ás merecidas vacacións. 



 Xalín e o seu equipo deséxanvos un 2025 cargadiño de: 

 boa lectura e gozar da radio-aventura


UNHA VISITA MOI ESPECIAL

 

   UNHA VISITA ESPECIAL NESTE NADAL 

 O mércores, vivimos no cole un encontro deses que enchen o corazón, momentos que quedan para sempre albergados na memoria. Nun acto cargado de emotividade, nenos/as e maiores regaláronse o mellor dos agasallos:  compartir tempo xuntos/as.  

Todo comezou coa ilusión de escribir unha felicitación personalizada para cada un dos nosos/as maiores do Centro de Maiores de Meira. Pero, despois grazas a colaboración e traballo conxunto Centro de Maiores e escola foi posible este marabilloso encontro, unindo varias xeneracións. 

Máis alá dos agasallos materiais por ambas partes, todos/as coincidimos que o importante foi todo o demais, o tempo, os sorrisos, as apertas, as cantigas, a homenaxe a persoas que loitaron moito e que todo recoñecemento que se lles faga sempre será menos do que merezan. 

De feito, este é o escrito elaborado polo alumnado voluntario de 5º e 6º, pero suscrito por todo os nenos/as e mestres/as do centro. 

Os nenos e as nenas deste cole queremos facerlles unha homenaxe a todos/as vostedes, que traballaron durante toda a súa vida para mellorar a nosa sociedade; sempre coidando aos demais.

Grazas a iso, nós, os mozos e as mozas podemos coñecer moitas historias, lendas, tradicións e como era a vida nos seus tempos. O valor da experiencia. Coas súas mans plantaron árbores, construíron camiños, autoestradas, casas e colaboraron para que houbese os avances que hoxe gozamos.

Por tanto, vostedes, sen dúbida,  simbolizan:

Cariño: por todo o amor recibido, polo tempo adicado aos demais sen esperar nada a cambio,  polas historias que contan e manteñen vivo o recordo e a valía do pasado.

Espírito de traballo: porque sempre traballaron de sol a sol sen importar a temperatura, as condicións climatolóxicas e a dureza dos oficios, esforzándose ao máximo e renunciando seguramente a moitos dereitos.

Superación: Xa que en múltiples ocasións se enfrontaban a situacións moi duras, como deixar atrás a familia.  Víanse obrigados a emigrar a outros países, moi lonxe, en busca de traballo para conseguir diñeiro co que manter aos seus seres queridos. Facíano con dor no corazón pero, coa ilusión dun futuro mellor.

Colaboración e e apoio.  En vostedes vemos o reflexo do traballo en equipo, xa que sempre se axudaban compartindo opinións, coñecementos e forzas. Reuníanse para botar unha man alí onde facía falta convertindo unha xornada dura nunha festa: malla, matanza, colleita das patacas,  coidado dos animais....

Compañía, unión, responsabilidade e xenerosidade: Convertían un pobo nunha gran familia. Dentro da veciñanza, sen compartir lazos de sangue, o trato sempre era agarimoso e próximo. Encargábanse de coidar aos maiores, aos  enfermos e nenos/as. Sen a súa xenerosidade sería difícil que os adultos novos puidesen saír traballar sen preocupacións, xa que sabían que os seus meniños quedaban nas mellores mans.

E coma iso, moito mais. Así que, grazas, grazas por todo... Seguro que moitos de vostedes son tamén avós/as e bisavós/as, coidando sempre os netiños/as como ninguén, ofrecéndolles a máis rica das merendas e sendo os aliados/as perfectos para eles/as; o mellor dos regalos para a súa infancia.

En resumo, o seu exemplo é un faro que nos axudará ao longo das nosas vidas.

 Felices festas. Os nosos mellores desexos para o 2025.

Non obstante, aquí vos deixamos instantáneas deste inesquecible encontro porque ás veces unha imaxe vale máis que mil palabras. 











Moitísimas grazas a todas as persoas do Centro de Maiores de Meira; no CEIP Plurilingüe Poeta Avelino Díaz estarán sempre ás portas abertas para vós. 


lunes, 25 de noviembre de 2024

SEMANAS DA CIENCIA

 

  Observar, explorar, investigar, manipular, experimentar e pór en dúbida as cousas son as mellores maneiras de adquirir un pensamento crítico e comprender dun xeito razoado o mundo que nos arrodea.  A ciencia ten esa maxia;  esa resposta que buscamos. 

Durante estas dúas últimas semanas a biblioteca de Xalín foi testigo de como todos os nenos/as do cole tiveron a oportunidade de experimentar con algo tan cotiá e tan importante como o SON. 

E, aquí os tedes, convertidos en científicos e científicas que descobren por qué oímos, como chegan os sons a nós, as diferenzas entre eles, as partes do oído... Sempre hai moito por aprender! 






 





















Nestas semanas  non so reinvidicamos a importancia da ciencia na escola e na vida, como único camiño para a mellora da humanidade e sociedade, senon que tamén aproveitamos para recalcar a valía da nosa lingua, o galego. Vehículo perfecto para ensinar, enriquecer, avanzar e aprender. Por iso, todos os experimentos ían acompañados dunha guía de presentación nesta lingua, por exemplo: 





Moitísimas grazas a todos/as científicos/as que viñeron a mergullarse na ciencia! Xalín estivo encantado!


jueves, 14 de noviembre de 2024

LECTURA E FAMILIAS - MOCHILAS VIAXEIRAS

  MOCHILAS VIAXEIRAS

Familia é escola debemos remar xuntas porque viaxamos  no mesmo barco. Un nexo de unión é, sen dúbida, a lectura. Poucos recursos teñen un poder de aprendizaxe tan potente como LER, coma as lecturas compartidas. Eses momentos de lectura en familia potencian a relaxación, a expresión oral, a diversión, a cultura e o desenvolvemento da educación emocional a través da manifestación de sentimentos e pensamentos. 

Este xoves as nosas mochilas viaxeiras estrenaron a súa primeira ruta cun destino moi acolledor: unha familia. Nas vindeiras semanas ata o remate do curso pasarán por todos os fogares. Unha actividade que Xalín agarda resulte enriquecedora tanto a alumnado como a familias.  Este ano todas elas levan algún conto, títere ou obra dramática relacionada co teatro, xa que é o lema das Bibliotecas Escolares e consideramos é unha oportunidade única para aproveitar as infinitas vantaxes que este xénero ofrece no ámbito da aprendizaxe en canto ao desenvolvemento da creatividade, autoconfianza, do traballo en equipo e das habilidades sociais. 

Feliz lectura compartida!








lunes, 11 de noviembre de 2024

SEMANAS DA CIENCIA EN GALEGO

      


Hoxe inauguramos con  Xalín as SEMANAS DA CIENCIA, xa que en novembro conmemórase o mes da ciencia en galego. 

Serán días para experimentar e investigar sobre o SON  e á vez reflexionar sobre a importancia da ciencia e dos seus descubrimentos. Grazas a ela podemos entender o mundo que nos rodea. Aos nenos/as axúdalles a aprender a xerar novas ideas, establecer conexións entre conceptos e buscar solucións ou hipóteses orixinais. 

A ciencia é a ferramenta máis poderosa e potente que temos, capaz de mellorar as nosas vidas en todos os sentidos, dende a cura para moitas enfermidades ata a solución para moitos dos desafíos cotiás do día a día: transporte, comunicación, tecnoloxía....Todos os avances foron grazas a ela e todos os logros do futuro precisarán dela. 

Seguro que algúns dos nenos/as que hoxe comezan a experimentar xogando mañá serán grandes científicos e científicas. Non deixemos de descubrir! 



jueves, 24 de octubre de 2024

DÍA DAS BIBLIOTECAS


DÍA DAS BIBLIOTECAS 

24 DE OUTUBRO DE 2024

 


Hoxe 24 de Outubro, é o DÍA DAS BIBLIOTECAS, unha conmemoración que se ven celebrando dende 1997 impulsada pola "Asociación de Amigos del libro infantil y juvenil" en recordo da destrución da biblioteca de Saraxevo, incendiada en 1992 durante o conflito balcánico. 
Todas as bibliotecas cumpren múltiples funcións: patrimoniais e culturais, sociais e educadoras. Especiais son as bibliotecas escolares, por ser as primeiras que acollen aos nenos/as;  as primeiras que lles aprenden a usar outras despois, e porque nese espazo comparten momentos de lecer e pracer arredor dun eixe central: a lectura. 

Xalín, abriunos así hoxe as portas da súa casiña, a nosa biblioteca, para permanecer nela e desfrutar todo o período de lecer se o desexamos. Nela, este ano contaremos con algunhas sorpresas, que non teredes outro remedio que vir para descubrir; como hoxe o fixeron quenes a visitaron. 






Este día tamén foi especial grazas a invitación por parte da Biblioteca Municipal para asistir a dous contacontos dentro do seu proxecto "Ler conta moito": A fada do saco verde, con Aida Cobas e Contábanmo na casa con Carlos Alba. 





Moitísimas grazas. Gocemos da maxia da lectura!


viernes, 4 de octubre de 2024

FORMACIÓN DE USUARIOS/AS

 FORMACIÓN DE USUARIOS/AS DA BIBLIOTECA: 

    Durante as primeras semanas do cole leváronse a cabo sesións de formación para usuarios/as da biblioteca, adaptadas a súa idade e os obxectivos a perseguir. Cos máis pequeniños/as traballamos as normas da biblioteca, o coidado do material e a través da lectura dun conto ("El pollo Pepe y los colores", "A vaca que puxo un ovo"...) intentamos ensinarlles as partes dun libro (portada, contraportada, lombo, etiqueta ou "tejuelo"...) así como o significado das palabras autor/a e ilustrador/a

    Cos mais maiores, ademais de repasar todo o anterior, as actividades propostas tiveron relación coa organización e interpretación da CDU, a comprensión da información que conteñen as etiquetas, e a búsqueda de información a partir dun sumario ou índice. 





   


 Finalmente entregouselle ao alumnado un tríptico coa información máis relevante relacionada coa biblioteca para a súa aula. 

                                    





II ENCONTRO INTERXERACIONAL

O pasado martes,  18 de Marzo tivemos a sorte e o pracer de poder levar a cabo o  II Encontro Interxeracional, dentro da actividade " C...