viernes, 20 de diciembre de 2024

UNHA VISITA MOI ESPECIAL

 

   UNHA VISITA ESPECIAL NESTE NADAL 

 O mércores, vivimos no cole un encontro deses que enchen o corazón, momentos que quedan para sempre albergados na memoria. Nun acto cargado de emotividade, nenos/as e maiores regaláronse o mellor dos agasallos:  compartir tempo xuntos/as.  

Todo comezou coa ilusión de escribir unha felicitación personalizada para cada un dos nosos/as maiores do Centro de Maiores de Meira. Pero, despois grazas a colaboración e traballo conxunto Centro de Maiores e escola foi posible este marabilloso encontro, unindo varias xeneracións. 

Máis alá dos agasallos materiais por ambas partes, todos/as coincidimos que o importante foi todo o demais, o tempo, os sorrisos, as apertas, as cantigas, a homenaxe a persoas que loitaron moito e que todo recoñecemento que se lles faga sempre será menos do que merezan. 

De feito, este é o escrito elaborado polo alumnado voluntario de 5º e 6º, pero suscrito por todo os nenos/as e mestres/as do centro. 

Os nenos e as nenas deste cole queremos facerlles unha homenaxe a todos/as vostedes, que traballaron durante toda a súa vida para mellorar a nosa sociedade; sempre coidando aos demais.

Grazas a iso, nós, os mozos e as mozas podemos coñecer moitas historias, lendas, tradicións e como era a vida nos seus tempos. O valor da experiencia. Coas súas mans plantaron árbores, construíron camiños, autoestradas, casas e colaboraron para que houbese os avances que hoxe gozamos.

Por tanto, vostedes, sen dúbida,  simbolizan:

Cariño: por todo o amor recibido, polo tempo adicado aos demais sen esperar nada a cambio,  polas historias que contan e manteñen vivo o recordo e a valía do pasado.

Espírito de traballo: porque sempre traballaron de sol a sol sen importar a temperatura, as condicións climatolóxicas e a dureza dos oficios, esforzándose ao máximo e renunciando seguramente a moitos dereitos.

Superación: Xa que en múltiples ocasións se enfrontaban a situacións moi duras, como deixar atrás a familia.  Víanse obrigados a emigrar a outros países, moi lonxe, en busca de traballo para conseguir diñeiro co que manter aos seus seres queridos. Facíano con dor no corazón pero, coa ilusión dun futuro mellor.

Colaboración e e apoio.  En vostedes vemos o reflexo do traballo en equipo, xa que sempre se axudaban compartindo opinións, coñecementos e forzas. Reuníanse para botar unha man alí onde facía falta convertindo unha xornada dura nunha festa: malla, matanza, colleita das patacas,  coidado dos animais....

Compañía, unión, responsabilidade e xenerosidade: Convertían un pobo nunha gran familia. Dentro da veciñanza, sen compartir lazos de sangue, o trato sempre era agarimoso e próximo. Encargábanse de coidar aos maiores, aos  enfermos e nenos/as. Sen a súa xenerosidade sería difícil que os adultos novos puidesen saír traballar sen preocupacións, xa que sabían que os seus meniños quedaban nas mellores mans.

E coma iso, moito mais. Así que, grazas, grazas por todo... Seguro que moitos de vostedes son tamén avós/as e bisavós/as, coidando sempre os netiños/as como ninguén, ofrecéndolles a máis rica das merendas e sendo os aliados/as perfectos para eles/as; o mellor dos regalos para a súa infancia.

En resumo, o seu exemplo é un faro que nos axudará ao longo das nosas vidas.

 Felices festas. Os nosos mellores desexos para o 2025.

Non obstante, aquí vos deixamos instantáneas deste inesquecible encontro porque ás veces unha imaxe vale máis que mil palabras. 











Moitísimas grazas a todas as persoas do Centro de Maiores de Meira; no CEIP Plurilingüe Poeta Avelino Díaz estarán sempre ás portas abertas para vós. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario

CELIAQUÍA

CELIAQUÍA      Dicía Einstein " cuánto más aprendo, más me doy cuenta de cuánto no sé"  e é unha verdade irrefutable.    Hoxe tive...