ENCONTRO CON INMA SOTO
AUTORA DE: XELA, A SUPERHEROÍNA DE ALDEA
O pasado martes, 27 de maio foi un día especial para o alumnado de 1º e 2º de Ed. Primaria. Durante o 2º e o 3º trimestre deste curso botaran a andar os dous clubs de lectura destes niveis e todos e todas gozaran de Xela, a Superheroína de aldea, de Inma Soto, quedando atrapados/as nas diferentes aventuras da protagonista.
Pois ben, este martes por fin puidemos coñecer a persoa que lle deu vida a Xela, a heroína da natureza. Recibimos a visita de Inma Soto no cole!
Un encontro que nos fixo sorrir, cantar, bailar, espertar a imaxinación e aprender que coma ela, temos a misión de coidar a nosa contorna valorando os espazos verdes, cheos de vida, de tranquilidade, paz e saúde. Pequenos xestos, grandes cambios.
E, por enriba, non veu soa, visitáronnos tamén moitos dos animaliños do conto. Canto nos gustaron!
Grazas Inma, por contestar a todas as nosas preguntas, inquedanzas e curiosidades, por asinarnos todos os exemplares con tanto esmero e delicadeza e sobre todo por contribuír a un mundo mellor con lecturas e accións de sensibilización cara a importancia do medio ambiente. Deixáchesnos moi bo sabor de boca!
Agardamos a 2ª parte con moita ilusión!
Aquí deixamos unhas instánteas co broche perfecto para un camiño compartido ben fermoso.