martes, 25 de noviembre de 2025

ENCONTRO CON MARISOL BRAVOS


O 4 de Decembro teremos o grandísimo pracer de contar no noso centro educativo  con Marisol Bravos; unha mestra e escritora exemplo de superación. Unha persoa que leva toda a vida loitando para que dunha vez por todas se poida acabar coas barreiras, tanto arquitectónicas como sociais, que limitan a vida das persoas con diversidade funcional. 

Agardamos a súa visita con moita emoción, conscientes de que nos queda moito por aprender e mellorar. 
 

25N- DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER



A educación é a ferramenta para erradicar calquer tipo de violencia, entre elas a violencia contra a muller. 
Dende a Biblioteca de Xalín fixemos unha escolma de contos para abordar esta temática dende unha perspectiva educativa con tres obxectivos prioritarios: 

- Fomentar a igualdade
- Promover  o diálogo e a empatía. 
- Desenvolver o pensamento crítico. 

Educar no respecto e na igualdade é o primeiro paso cara un futuro libre de violencia. 


 

domingo, 23 de noviembre de 2025

SEMANAS DE CIENCIA NA BIBLIOTECA DE XALÍN

 



Novembro é o mes escollido para a celebración anual da CIENCIA EN GALEGO nas Bibliotecas Escolares. O obxectivo desta conmemoración é sensibilizar a todos os/as nenos/as da necesidade de usar o galego na literatura científica á vez que se estimula a aprendizaxe por experimentación.

 Divulgar en galego todos os achados científicos é crucial para garantir o acceso ao coñecemento na lingua propia, dignificar o idioma e superar todos os prexuízos. Experimentar e vivenciar procesos é unha das formas máis eficaces para garantir a aprendizaxe significativa. 

Por isto, a Biblioteca de Xalín abriu as súas portas nos períodos de lecer para acoller, por quendas,  a todos os nosos grandes científicos e científicas co obxectivo de experimentar arredor da vida nos mares e océanos. 

As propostas foron 4 experimentos sobre a flotabilidade, correntes mariñas cálidas e frías, o desxeo e a contaminación dos mares polos aceites.  
Para a presentación-guía de cada un dos experimentos empregouse a lingua galega como non podía ser doutro xeito. 
Así puideron vivenciar como a salinidade da auga afecta na flotación dun corpo ou como a temperatura da auga dos nosos mares e océanos inflúe na súa densidade.

 Do mesmo xeito, experimentaron cómo o desxeo produce un aumento do nivel do mar e polo tanto tería consecuencias dramáticas para as zonas costeiras ou como a contaminación dos mares por aceite impide a vida mariña ao non chegar coa intensidade necesaria os raios do sol ao fondo mariño impedindo que o fitoplacton e algas poidan producir o osíxeno necesario. 

Aquí vos deixamos algunhas fotiños: 
















XORNADA BIBLIOTECAS ESCOLARES



O pasado sábado, 15 de novembro,  asistimos en Santiago de Compostela a unha xornada de formación de Bibliotecas Escolares organizada pola Consellería de Educación.

Unha xornada enriquecedora onde tivemos a oportunidade de coñecer e aprender das iniciativas e experiencias doutros centros; das últimas investigacións arredor da competencia lectora;  de novidades e recomendacións lectoras por idades e xéneros;  así como escoitar en directo a autores de gran prestixio no mundo do deseño.

O deseño, é o gran lema escollido este ano para as Bibliotecas Escolares de toda Galicia. 





 

lunes, 10 de noviembre de 2025

LECTURA EN FAMILIA- MOCHILAS VIAXEIRAS

 MOCHILAS VIAXEIRAS



     A  familia e a escola son dous contextos diferentes pero que establecen espazos determinantes para a educación dos nenos/as. Fomentar nestes contextos a lectura asegura a consolidación dun camiño lector e o desenvolvemento das competencias. 

Conscientes deste gran reto e da súa repercusión este ano dentro do programa de Bibliotecas Escolares,  "Lectura e familias", decidimos continuar coa proposta das Mochilas Viaxeiras por aulas. Unha iniciativa que sempre tivo unha grandísima acollida e que cremos que contribúe moi positivamente ao gusto pola lectura, pola lectura compartida. Así, estes días partiron rumbo ás casiñas de nenos/as curiosos/as, con moitas ganas de aprender. 

Este ano incluímos nelas libros informativos arredor dos proxectos de centro e mesmo de aula, así como contos/ libros de valores; conscientes de que como sociedade debemos seguir traballando arreo para mellorar en termos de acollida, respecto, tolerancia, empatía, xestión emocional ...

E, tamén, folletos de información da propia vila, en colaboración coas entidades  turísticas e educativas de Meira. Finalmente, por suposto, conteñen un caderno, un Caderno Bitácora, onde cada familia pode compartir as súas reflexións e mesmo plasmar unha viaxe realizada ou desexada.

Viaxemos xuntos/as!

Moitísimas grazas familias pola colaboración e implicación!

Feliz lectura! 


viernes, 7 de noviembre de 2025

XALÍN REABRE AS PORTAS DA SÚA CASIÑA

24 DE OUTUBRO- DÍA DAS BIBLIOTECAS

XALÍN REABRE AS PORTAS DA SÚA CASIÑA

O bo sempre se fixo esperar, pero toda espera ten recompensa. Despois de meses de obras a casiña de Xalín, a nosa biblioteca, reabriu as súas portas para acoller con ilusión a todos os nenos/as, mestres/as e en xeral, a toda persoa con ganas de compartir, gozar da lectura e aprender. 








                                           

Este espazo renovado, máis amplo e luminoso, pretende como todas as bibliotecas ser un lugar onde os nenos/as desexen estar, gocen, aprendan, compartan...Os seus olliños cargados de ilusión amosaron que levaban tempo querendo vir e cremos que iso compensou o traballo para volver a poñer todo en marcha. Todo é por e para eles/as. 

É certo, que aínda quedan certos cambios que se irán facendo ao longo do presente curso, non obstante, achegábase unha data moi especial e Xalín estaba desexando abrir as súas portas. 

Que data? Preguntarédesvos... o  24 de Outubro, día das Bibliotecas. Aproveitamos para compartir os carteis cos que as  Bibliotecas Escolares de Galicia conmemoran este día; así como o lema para este curso 2025/2026 , O deseño. 

Unha data tan significativa  tiña que ser a escollida para a súa reapertura inaugural con varias actividades e misións. 

Un neno de 3 aniños foi o encargado de cortar o lazo vermello e varios/as alumnos/as de 6º fixeron un pequeno discurso arredor do DÍA DAS BIBLIOTECAS. 

Visitounos Ana Meilán, unha xenial escritora galega animándonos a ler moito, a ler na nosa lingua. Contamos tamén con Mariluz, coordinadora da biblioteca do centro durante moitos cursos; unha persoa  que traballou con paixón para facer deste espazo un lugar máxico.  E, como non podía ser doutro xeito, aproveitamos para facer entrega tamén das CAIXAS DE LER por aulas, así como duns PASAPORTES LECTORES cos que agasallou XALÍN  a todos os nenos/as.

                                             

Dende ese día a biblioteca dá a benvida a moitos nenos/as que veñen a facer préstamo de libros, a construír, a xogar, a crear, a compartir, a vivir aprendendo. Xalín está que non cabe en sí!




    





Espéravos cos brazos abertos!


















COMPARTIR, O AGASALLO PERFECTO

Rematamos o trimestre compartindo; compartindo postais con moi bos desexos para o ano 2026, poemas de recoñecemento e agradecemento aos maio...