24 DE OUTUBRO- DÍA DAS BIBLIOTECAS
XALÍN REABRE AS PORTAS DA SÚA CASIÑA
O bo sempre se fixo esperar, pero toda espera ten recompensa. Despois de meses de obras a casiña de Xalín, a nosa biblioteca, reabriu as súas portas para acoller con ilusión a todos os nenos/as, mestres/as e en xeral, a toda persoa con ganas de compartir, gozar da lectura e aprender.
Este espazo renovado, máis amplo e luminoso, pretende como todas as bibliotecas ser un lugar onde os nenos/as desexen estar, gocen, aprendan, compartan...Os seus olliños cargados de ilusión amosaron que levaban tempo querendo vir e cremos que iso compensou o traballo para volver a poñer todo en marcha. Todo é por e para eles/as.
É certo, que aínda quedan certos cambios que se irán facendo ao longo do presente curso, non obstante, achegábase unha data moi especial e Xalín estaba desexando abrir as súas portas.
Que data? Preguntarédesvos... o 24 de Outubro, día das Bibliotecas. Aproveitamos para compartir os carteis cos que as Bibliotecas Escolares de Galicia conmemoran este día; así como o lema para este curso 2025/2026 , O deseño.
Unha data tan significativa tiña que ser a escollida para a súa reapertura inaugural con varias actividades e misións.
Un neno de 3 aniños foi o encargado de cortar o lazo vermello e varios/as alumnos/as de 6º fixeron un pequeno discurso arredor do DÍA DAS BIBLIOTECAS.
Visitounos Ana Meilán, unha xenial escritora galega animándonos a ler moito, a ler na nosa lingua. Contamos tamén con Mariluz, coordinadora da biblioteca do centro durante moitos cursos; unha persoa que traballou con paixón para facer deste espazo un lugar máxico. E, como non podía ser doutro xeito, aproveitamos para facer entrega tamén das CAIXAS DE LER por aulas, así como duns PASAPORTES LECTORES cos que agasallou XALÍN a todos os nenos/as.
Dende ese día a biblioteca dá a benvida a moitos nenos/as que veñen a facer préstamo de libros, a construír, a xogar, a crear, a compartir, a vivir aprendendo. Xalín está que non cabe en sí!
Espéravos cos brazos abertos!

















No hay comentarios:
Publicar un comentario