Novembro é o mes escollido para a celebración anual da CIENCIA EN GALEGO nas Bibliotecas Escolares. O obxectivo desta conmemoración é sensibilizar a todos os/as nenos/as da necesidade de usar o galego na literatura científica á vez que se estimula a aprendizaxe por experimentación.
Divulgar en galego todos os achados científicos é crucial para garantir o acceso ao coñecemento na lingua propia, dignificar o idioma e superar todos os prexuízos. Experimentar e vivenciar procesos é unha das formas máis eficaces para garantir a aprendizaxe significativa.
Por isto, a Biblioteca de Xalín abriu as súas portas nos períodos de lecer para acoller, por quendas, a todos os nosos grandes científicos e científicas co obxectivo de experimentar arredor da vida nos mares e océanos.
As propostas foron 4 experimentos sobre a flotabilidade, correntes mariñas cálidas e frías, o desxeo e a contaminación dos mares polos aceites.
Para a presentación-guía de cada un dos experimentos empregouse a lingua galega como non podía ser doutro xeito.
Así puideron vivenciar como a salinidade da auga afecta na flotación dun corpo ou como a temperatura da auga dos nosos mares e océanos inflúe na súa densidade.
Do mesmo xeito, experimentaron cómo o desxeo produce un aumento do nivel do mar e polo tanto tería consecuencias dramáticas para as zonas costeiras ou como a contaminación dos mares por aceite impide a vida mariña ao non chegar coa intensidade necesaria os raios do sol ao fondo mariño impedindo que o fitoplacton e algas poidan producir o osíxeno necesario.
Aquí vos deixamos algunhas fotiños:







No hay comentarios:
Publicar un comentario