viernes, 29 de noviembre de 2024

VOLUNTARIADO- BIBLIOTECAS SOLIDARIAS

 

 VOLUNTARIADO 5º E 6º 

BIBLIOTECAS SOLIDARIAS


Esta semana do 25 ao 29 de Novembro, comezamos a andaina do voluntariado de 5º e 6º de Ed. Primaria para este curso 2024/2025. Este ano 33 nenos/as apuntáronse de xeito altruísta para colaborar en diferentes actividades relacionadas coa Biblioteca e coa Lectura. 

Por un lado, dentro da Categoría A: o alumnado colaborará en todo o que ten que ver coa biblioteca de Xalín: servizo diario de préstamos de libros, colocación dos mesmos nos diferentes estantes e axuda aos outros usuarios/as a atopar os libros que buscan ou mesmo asesoramento dos dispoñibles. 

Na Categoría B: (ler con D) Os voluntarios/as colaborarán na lectura de contos aos nenos/as de Ed. Infantil e 1º ciclo de Ed.  Primaria. Así mesmo poderán participar na gravación de audiocontos na radio escolar. 

Finalmente, na Categoría C (ler con F) Os nenos/as que o desexen implicaranse na preparación de contos e materiais de apoio a narración dos mesmos aos meniños/as da EEI, así como en actividades relacionadas coa escoita e lectura compartida con maiores da Residencia de Maiores. 

Aquí vos deixamos as primeiras fotos da semana; todo un éxito!





lunes, 25 de noviembre de 2024

SEMANAS DA CIENCIA

 

  Observar, explorar, investigar, manipular, experimentar e pór en dúbida as cousas son as mellores maneiras de adquirir un pensamento crítico e comprender dun xeito razoado o mundo que nos arrodea.  A ciencia ten esa maxia;  esa resposta que buscamos. 

Durante estas dúas últimas semanas a biblioteca de Xalín foi testigo de como todos os nenos/as do cole tiveron a oportunidade de experimentar con algo tan cotiá e tan importante como o SON. 

E, aquí os tedes, convertidos en científicos e científicas que descobren por qué oímos, como chegan os sons a nós, as diferenzas entre eles, as partes do oído... Sempre hai moito por aprender! 






 





















Nestas semanas  non so reinvidicamos a importancia da ciencia na escola e na vida, como único camiño para a mellora da humanidade e sociedade, senon que tamén aproveitamos para recalcar a valía da nosa lingua, o galego. Vehículo perfecto para ensinar, enriquecer, avanzar e aprender. Por iso, todos os experimentos ían acompañados dunha guía de presentación nesta lingua, por exemplo: 





Moitísimas grazas a todos/as científicos/as que viñeron a mergullarse na ciencia! Xalín estivo encantado!


jueves, 14 de noviembre de 2024

LECTURA E FAMILIAS - MOCHILAS VIAXEIRAS

  MOCHILAS VIAXEIRAS

Familia é escola debemos remar xuntas porque viaxamos  no mesmo barco. Un nexo de unión é, sen dúbida, a lectura. Poucos recursos teñen un poder de aprendizaxe tan potente como LER, coma as lecturas compartidas. Eses momentos de lectura en familia potencian a relaxación, a expresión oral, a diversión, a cultura e o desenvolvemento da educación emocional a través da manifestación de sentimentos e pensamentos. 

Este xoves as nosas mochilas viaxeiras estrenaron a súa primeira ruta cun destino moi acolledor: unha familia. Nas vindeiras semanas ata o remate do curso pasarán por todos os fogares. Unha actividade que Xalín agarda resulte enriquecedora tanto a alumnado como a familias.  Este ano todas elas levan algún conto, títere ou obra dramática relacionada co teatro, xa que é o lema das Bibliotecas Escolares e consideramos é unha oportunidade única para aproveitar as infinitas vantaxes que este xénero ofrece no ámbito da aprendizaxe en canto ao desenvolvemento da creatividade, autoconfianza, do traballo en equipo e das habilidades sociais. 

Feliz lectura compartida!








lunes, 11 de noviembre de 2024

SEMANAS DA CIENCIA EN GALEGO

      


Hoxe inauguramos con  Xalín as SEMANAS DA CIENCIA, xa que en novembro conmemórase o mes da ciencia en galego. 

Serán días para experimentar e investigar sobre o SON  e á vez reflexionar sobre a importancia da ciencia e dos seus descubrimentos. Grazas a ela podemos entender o mundo que nos rodea. Aos nenos/as axúdalles a aprender a xerar novas ideas, establecer conexións entre conceptos e buscar solucións ou hipóteses orixinais. 

A ciencia é a ferramenta máis poderosa e potente que temos, capaz de mellorar as nosas vidas en todos os sentidos, dende a cura para moitas enfermidades ata a solución para moitos dos desafíos cotiás do día a día: transporte, comunicación, tecnoloxía....Todos os avances foron grazas a ela e todos os logros do futuro precisarán dela. 

Seguro que algúns dos nenos/as que hoxe comezan a experimentar xogando mañá serán grandes científicos e científicas. Non deixemos de descubrir! 



jueves, 24 de octubre de 2024

DÍA DAS BIBLIOTECAS


DÍA DAS BIBLIOTECAS 

24 DE OUTUBRO DE 2024

 


Hoxe 24 de Outubro, é o DÍA DAS BIBLIOTECAS, unha conmemoración que se ven celebrando dende 1997 impulsada pola "Asociación de Amigos del libro infantil y juvenil" en recordo da destrución da biblioteca de Saraxevo, incendiada en 1992 durante o conflito balcánico. 
Todas as bibliotecas cumpren múltiples funcións: patrimoniais e culturais, sociais e educadoras. Especiais son as bibliotecas escolares, por ser as primeiras que acollen aos nenos/as;  as primeiras que lles aprenden a usar outras despois, e porque nese espazo comparten momentos de lecer e pracer arredor dun eixe central: a lectura. 

Xalín, abriunos así hoxe as portas da súa casiña, a nosa biblioteca, para permanecer nela e desfrutar todo o período de lecer se o desexamos. Nela, este ano contaremos con algunhas sorpresas, que non teredes outro remedio que vir para descubrir; como hoxe o fixeron quenes a visitaron. 






Este día tamén foi especial grazas a invitación por parte da Biblioteca Municipal para asistir a dous contacontos dentro do seu proxecto "Ler conta moito": A fada do saco verde, con Aida Cobas e Contábanmo na casa con Carlos Alba. 





Moitísimas grazas. Gocemos da maxia da lectura!


viernes, 4 de octubre de 2024

FORMACIÓN DE USUARIOS/AS

 FORMACIÓN DE USUARIOS/AS DA BIBLIOTECA: 

    Durante as primeras semanas do cole leváronse a cabo sesións de formación para usuarios/as da biblioteca, adaptadas a súa idade e os obxectivos a perseguir. Cos máis pequeniños/as traballamos as normas da biblioteca, o coidado do material e a través da lectura dun conto ("El pollo Pepe y los colores", "A vaca que puxo un ovo"...) intentamos ensinarlles as partes dun libro (portada, contraportada, lombo, etiqueta ou "tejuelo"...) así como o significado das palabras autor/a e ilustrador/a. 

    Cos mais maiores, ademais de repasar todo o anterior, as actividades propostas tiveron relación coa organización e interpretación da CDU, a comprensión da información que conteñen as etiquetas, e a búsqueda de información a partir dun sumario ou índice. 





   


 Finalmente entregouselle ao alumnado un tríptico coa información máis relevante relacionada coa biblioteca para a súa aula. 

                                    





martes, 1 de octubre de 2024

UNHA NOVA LECTURA EN ESCENA

                                                     BENVIDA AO CURSO  2024-2025

  

                                HORA DE LER: UNHA NOVA LECTURA EN ESCENA.    


Xalín xa nos avisara nunha carta que o día 1 de outubro tiñamos unha cita todos/as para inaugurar a HORA DE LER!! Así que alá fomos o cole enteiro e efectivamente.... todo estaba preparado para que cada aula recibise a súa caixiña  e o seu colgapomos. 

Despois da entrega,  e baixo o lema das bibliotecas escolares 2024/2025 "A escena", algúns nenos/as de 5º e 6º puxéronlle o broche perfecto a este acto brindándonos a todos/as a oportunidade de gozar da lectura teatralizada de dous contos: Cocorico e  A viaxe das bolboretas. 

                                                                          COCORICO 

                                                                       A VIAXE DAS BOLBORETAS

Agora a misión é ir visitar a Xalín á biblioteca e escoller libros ben divertidos para pasalo xenial todos os días na hora de ler. Lembrade:  sempre despois do tempo de lecer. 

FELIZ LECTURA! 

domingo, 9 de junio de 2024

CLUB DE LECTURA

 " O AGASALLO DE ANYA"

SABELA NÚÑEZ SINGALA

CLUB DE LECTURA 3º ED.  PRIMARIA

O pasado venres foi un día moi especial para o alumnado de 3º de Primaria. Hai unhas semanas botara a andar o seu club de lectura e todos e todas gozaran da novela “O agasallo de Anya”, de Sabela Núñez Singala, que nos deixou moi bo sabor de boca.

Pois ben, este venres recibimos a visita de Sabela. Pero… non viña ela soa! Canda ela visitánronos as protagonistas da historia, Anya e Xiana. Uniuse ao grupo Lía, unha moneca leda e soñadora que devecía por viaxar a outros países. Entre todas contáronnos cousas sobre outras realidades, sobre a vida de nenos e nenas coma Anya e sobre a importancia de valorar todo o que temos e que case sempre damos por suposto: familia, saúde, alimentos…

Ao final, aínda había moita curiosidade e os xornalistas e as xornalistas de 3º formuláronlle moreas de preguntas á escritora.

Para rematar, Sabela foinos asinando un por un os nosos exemplares do libro. Sen dúbida volveremos a lelo con agarimo! Grazas, Sabela!

 




 

sábado, 1 de junio de 2024

LECTURA E FAMILIAS. ENCONTRO- DEBATE

 

                                                            LECTURA E FAMILIAS

  O pasado martes 28 de maio tivo lugar na nosa biblioteca un encontro-debate: "O xogo. Xoguetes sexistas. Como educar en igualdade a través do xogo e dos xoguetes con perspectiva de xénero" a cargo de Azurine Moral Alvite; responsable da Casa Niño de Riotorto. 

  Un encontro para a análise e a reflexión porque o xogo sempre estimula o desenvolvemento  das capacidades cognitivas, sociais, emocionais e lingüísticas e debe, polo tanto,  valorarse o seu potencial para a través del axudar a construír un mundo mellor desde a infancia. 


 

martes, 23 de abril de 2024

23 ABRIL - DÍA DO LIBRO

  23 DE ABRIL, DÍA DO LIBRO, 

CITA EN FAMILIA CO CÓMIC.

Cada 23 de abril conmemorase o Día Mundial do Libro para promover o desfrute dos libros e da lectura.

 A data non é froito da casualidade, senon que busca tamén render unha merecidísima homenaxe a escritores da literatura universal como os grandes: William Shakespeare, Miguel de Cervantes e Garcilaso de la Vega. 

O poder dos libros é inexplicable: serven de unión entre o pasado e o presente, entre avós/avoas e netos/as, entre civilizacións e culturas, permite enriquecernos, cambiar a mirada ou o pensamento sobre moitas cousas que cremos coñecer, danos a oportunidade de voar, viaxar, imaxinar e soñar.

  Unha oportunidade que non podemos nin debemos perdernos, ler. 


No noso cole, este día quixemos adicarllo en especial ao CÓMIC, aproveitando que este curso o lema das bibliotecas escolares é: "Unha biblioteca escolar en viñetas". 

De feito aquí vos deixamos fotos deste marabilloso día, as familias acudindo á exposición para celebrar o día do libro,  nenos/as desfrutando da lectura dos cómics no tempo de lecer e na hora da ler. Fabuloso! 













Lembrade que tedes a vosa disposición na casiña de Xalín (durante toda esta semana no periodo de lecer para os nenos/as e para as familias  de 15:00- 16:00) esta completa exposición cos fondos, tanto do centro como os aportados por todas as familias que así o desexaron. Agardámosvos!


HORA DE LER

 HORA DE LER: Se queres aventura,  lánzate á lectura Outubro tróuxonos un cambio de horario no cole e, con el,  un tempo extra para gozar do...