viernes, 27 de febrero de 2026

FORMACIÓN ALUMNADO- BIBLIOTECA DE XALÍN

 

FORMACIÓN ALUMNADO

BIBLIOTECA DE XALÍN




Este xoves e venres 26 e 27 de febreiro leváronse a cabo dúas pequenas sesións de formación arredor da biblioteca de Xalín e outros recursos de lectura dirixidas ao alumnado de 5º e 6º de Ed. Primaria. 

Nestas sesións de formación explicouse a organización dos fondos da nosa biblioteca, a interpretación das etiquetas e as diversas formas de búsqueda en catálogo tanto físicamente como on-line a través do buscador OPAC.   Entregouse así mesmo un tríptico para cada aula no que figura a disposición dos recursos segundo a CDU tentando facilitar o uso autónomo. 

Ao mesmo tempo aproveitouse para explicar de novo o funcionamento da plataforma ELBE.2 e entregar os contrasinais actualizados. 
En vindeiras semanas continuaremos co alumnado doutros niveis. 


jueves, 26 de febrero de 2026

23 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

 

23 DE FEBREIRO,

 DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO


O 23 de febreiro é unha data moi sinalada. Tal día coma ese no ano 1837 nacía a escritora que iniciou o Rexurdimento das nosas letras, Rosalía de Castro. 

Tan grande foi o seu legado como o é o conxunto das súas obras. De entre todas elas, o poema, Miña casiña, meu lar, ocupa, sen dúbida, un lugar moi, moi privilexiado para todos nós. 

Por iso, este ano, tendo en conta o lema das Bibliotecas Escolares de Galicia, O deseño, e partindo da fermosa obra  que leva por título Miña casiña, meu lar  ilustrado pola marabillosa Blanca Millán;  cada clase rediseñou e recitou uns versos para entre todos/as compoñer este fabuloso poema tan cargado de sentimento e tan galego. 



Todas as láminas forman parte dunha exposición que se pode ver na zona do galpón.


























 Aquí tedes o vídeo final. Quedou precioso!



Grazas rapaces e rapazas! Fabuloso traballo!


martes, 24 de febrero de 2026

EVA MEJUTO, BIOGRAFÍA

 

BIOGRAFÍA DE EVA MEJUTO

O alumnado de 3º e 4º de Ed. Primaria estivo  nesta última sesión do Club de Lectura investigando sobre a biografía da autora galega do libro, Queco e Kika; Eva Mejuto. 

En pequenos grupos, dun xeito colaborativo, tiñan que conseguir montar un crebacabezas sobre a traxectoria desta escritora tan coñecida. Unha maneira máis de coñecer outro tipo de texto, a biografía, quizais algún día poidan ler a súa autobiografía, quen sabe?










jueves, 12 de febrero de 2026

13 DE FEBREIRO- DÍA MUNDIAL DA RADIO


Hoxe, 13 de Febreiro, queremos conmemorar o DÍA MUNDIAL DA RADIO,  compartindo uns podcasts preparados e gravados por alumnado de 4º, 5º a 6º de Ed. Primaria nun fabuloso Obradoiro de Radio na Biblio. Esta formación radiofónica foi  levada a cabo no centro o pasado día 6 grazas ao actor de dobraxe e formador de Ponte nas Ondas!;  Damián Alonso.

Os nenos/as a partir dunhas tarxetas informativas sobre diferentes lugares e monumentos de Galicia,  redactaron en parellas a escaleta, fixeron os ensaios pertinentes e directamente a... locutar e a gravar!




Convidámosvos a todos/as a escoitalos e a desfrutar deste marabilloso traballo e da nosa fermosísima Comunidade Autónoma, chea de riqueza material e inmaterial, chea de vida!



Aproveitamos para agradecer a Damián Alonso toda a súa entrega e paixón e, por suposto, a todos os/as protagonistas do día! Mil graciñas!









miércoles, 21 de enero de 2026

CLUB DE LECTURA: LEO, LEO ....QUE LES?

 LEO, LEO...QUE LES?





Hoxe, 22 de Xaneiro tivo lugar a primeira cita lectora do Club de 3º e 4º de Ed. Primaria. Neste encontro o alumnado foi recibido por un montón de libros en roda que compartían algo moi significativo. Non tardaron demasiado en darse conta de que en todos aparecía o mesmo nome: EVA MEJUTO. 

Despois divididos en pequenos grupos leron un deles. Ao final da sesión cada grupo compartía en alto nunha actividade de expresión oral de que trataba o conto, chamándolles especialmente a atención o famosísimo Corre, corre cabaciña e o de Dez gatiñas viaxeiras, ao atoparse alí a Muralla de Lugo. 

Finalmente falamos do libriño que íamos a ler e das nosas tarefas para a seguinte xuntanza: lectura e expresión plástica. 





A Xalín xa lle tarda volvervos a ver!

Aquí vos deixamos tamén algúns dos traballiños de expresión plástica; Redeseñando a portada de Queco e Kika. 








miércoles, 14 de enero de 2026

CLUB DE LECTURA - LEO, LEO...QUE LES?

 CLUB DE LECTURA

LEO, LEO...QUE LES?



Comezamos o 2026 coa 1º reunión do Club de Lectura de 5º e 6º de Ed. Primaria.  Foi unha cita moi agardada,  con ganas de despexar intrigas arredor da obra que ían ler e as súas actividades. 

Así, onte, nese primeiro achegamento ao libro O día que choveron gatos, grata sorpresa se levaron cando descubriron que a autora xa os acompañara coas súas historias moitos anos. Foron medrando con ela e os seus contos. 

Deste xeito, comezaron co reto de atopar que tiñan en común todos os libros que se poden ver nas imaxes e que actualmente forman parte do catálogo de fondos da Biblioteca do centro, concluíndo que todos eran obras dunha mesma autora, Eva Mejuto.

Compartiron lecturas dalgúns deles e despois mergulláronse xa no que lles suxería a portada do libro que ían ler, nunha actividade de expresión creativa por grupos. 



E, case nun abrir e pechar de ollos, a xuntanza rematou, quedando convocados para o día  27 de Xaneiro  para seguir compartindo ideas e aprendizaxes a partir dunha lectura común. 

O vindeiro xoves, 22 reunirase o Club de 3º e 4º de Ed. Primaria. 

Non esquezades as nosas citas lectoras!




 Xalín está encantado de vervos a todos/as na súa casiña. 

viernes, 19 de diciembre de 2025

COMPARTIR, O AGASALLO PERFECTO


Rematamos o trimestre compartindo; compartindo postais con moi bos desexos para o ano 2026, poemas de recoñecemento e agradecemento aos maiores, cancións, agasallos e, o máis importante, tempo, valores e moito cariño. 

O mércores tivemos a sorte e o privilexio de que nos acompañasen na Biblioteca do cole algunhas das persoas usuarias da Residencia de Maiores traéndonos un amplo abano de riquezas:  sabedoría, cultura, vivenzas, experiencias e un inestimable afecto en forma de enormes sorrisos e fortes apertas. 
 Ademais deixáronnos un agasallo precioso feito por elas mesmas, unha coroa de Nadal totalmente artesanal. E, por se fora pouco,  unha felicitación e un pack de mochila, libreta e cores grazas á Deputación de Lugo para cada un dos nenos/as.

 



 Os nenos/as pola súa parte foron uns anfitrións e anfitrioas excepcionais entregándolles unhas postais personalizadas que previamente fixeran con moito agarimo nas aulas e unha boliña de Nadal (presente elaborado no colexio coa cortadora láser de Polos Creativos grazas ao marabilloso traballo dunha das nosas compañeiras). 

  

No encontro parte do alumnado voluntario de 5º e 6º recitou poemas escritos do seu puño e letra:  

Persoas con historia

As vosas mans gastadas, gardan historia,

nos vosos ollos brilla a luz da experiencia,

no corazón, a forza da paciencia.

 

 A vosa voz é canto de sabedoría

o voso corazón é amor e cariño,

que nos guía o camiño

aquí preto do río Miño.

 

Persoas maiores, son tesouros da vida,

merecen respecto, agarimo e sempre compañía. 




No silencio da tarde, repousades tranquiliñas

gardando no peito unhas lembrazas bonitiñas.

Con cada paso que dades, deixades algo de sabedoría; 

con cada sorriso, unha alegría.

 

Sodes pontes que unen pasado e presente,

raíces que sosteñen á xente; 

sempre vos temos en mente

e sen vós todo sería totalmente diferente.

 

Sodes paz e tranquilidade,

merecedes respecto sexa cal sexa a idade; 

sen vós, que proporcionades felicidade,

non hai historia, nin vida,  nin humanidade. 

 Ademais, todo o alumnado compartiu as súas dotes artísticas cantando e tocando instrumentos: maracas, frautas, triángulos...e mesmo unha trompeta e un saxofón! 

 Un Encontro Interxeracional moi emotivo e enriquecedor para todas as partes. Cremos que as fotos falan por sí soas.


O xoves continuamos compartindo. Voluntarios e voluntarias de 5º e 6º  que participan no programa de Bibliotecas Solidarias visitaron a Escola Infantil de Meira, (O Vermiño)  para regalarlles aos meniños, meniñas e as súas profes,  unha postal de Nadal que crearan tamén con moita dedicación e ilusión. 

O recibimento non puido ser máis máxico, desprendéndose tenrura e felicidade nos nenos/as  das dúas etapas da infancia.  Os e as  maiores aportaron coidado e protección; os e as pequeniños/as ilusión, inocencia e ledicia.   
O tempo compartido desta volta non puido ser tanto como nos gustaría, chegou a moi pouco,  pero saímos co corazón cargadiño de emoción e un fabuloso obsequio. 




E, finalmente, entre o xoves e o venres  tivo  lugar outro intercambio de postais e desexos para o 2026. Por unha banda, o alumnado de 6º de Educación Primaria foi o encargado do  deseño  e entrega dunha postal ao IES Pedregal de Irimia. Por outra, hoxe recibimos da man do seu director a creada polo alumnado do instituto. Unha tarxeta postal moi creativa e orixinal. 






Grazas a tod@s, por facer isto posible, por facer comunidade. 
BO NADAL!!



REVISTA PETISCOS 2025-2026

  REVISTA PETISCOS  2025 /2026 Rematamos o curso con moi bo sabor de boca despois dunha intensa viaxe dentro e fóra das aulas. Nestes dez me...